Os escapes en Ence foron "inocuos", di a Xunta, que anima a Lores a "actuar en consecuencia" se non o cre
Por Oskar Viéitez
Os escapes de ENCE do pasado mes de agosto chegaron este xoves á Comisión de Medio do Parlamento de Galicia. O secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Justo de Benito, insistiu en que os escapes acontecidos os días 11 e 17 de agosto na fábrica de Ence en Lourizán non tiveron "ningunha consecuencia para a saúde humana", pero animou o Concello de Pontevedra a actuar "en consecuencia" se ten algunha información diferente á que lle consta á Xunta.
A Xunta asegura que as emisións rexistradas na fábrica de Ence en Pontevedra non entrañaron ningún risco para a saúde humana aínda que admite que os seus técnicos non foron á empresa ata o día 20 de agosto.
"Se non abriu ningún expediente, por algo será. Por iso amagou", aseverou o alto cargo da Consellería de Medio Ambiente en alusión ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ante as preguntas da deputada do BNG, Montse Prado.
"Os valores de emisión de dióxido de xofre e de sulfídrico dos dous días foron moi inferiores aos valores límite de emisión que figuran na autorización ambiental integrada", afirmou Justo de Benito "polo tanto, cumpríronse con folgura os límites de emisión establecidos na lexislación vixente a pesar dos incidentes".
En relación coa calidade do aire do ámbito, o secretario xeral afirmou que "para eses dous días" nas estacións de medición de calidade "non se superaron os valores habituais en datas normais".
"Se era vapor de auga, era vapor de auga", espetoulle a parlamentaria nacionalista na quenda de peche. E é que Prado considerou probado por estes feitos que a actividade da pastera na ría pontevedresa supón o "espolio de recursos de Galicia" e, como contrapartida, "riscos medioambientais" e "para ás persoas".
QUE DEIXE A RÍA EN 2018
Por último, interrogado por Prado sobre que está a facer o Executivo galego "para que deixe a súa situación coma moi tarde en 2018", De Benito reiterou que a Xunta manifestou "xa de forma clara" que a súa vontade é "procurar a mellor solución de forma continua" para que esta data se cumpra.
Dende o Bloque Nacionalista Galego lamentaron, que "o Partido Popular lonxe de ter unha posición clara relativa ao abandono de ENCE da Ría de Pontevedra, contesten ambigüidades e que a súa estratéxia sexa a de consolidar a ENCE na Ría máis alá do 2018".
Montse Prado indicou ao goberno da Xunta que ten "instrumentos suficientes para sacar a ENCE da Ría", entre outras, citou sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza "e se non fai que ENCE abandone a Ría de Pontevedra é porque non quere".
Relacionadas:
-
Ten Pontevedra unha boina de contaminación?
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A APDR denuncia a ENCE no xulgado polos escapes producidos o pasado mes de agosto
Por Redacción |
-
Moreira solicitará datos a Lores sobre a resposta municipal ao último incidente en ENCE
Por Redacción |
-
Lores pide á Xunta que busque alternativas para situar ENCE
Por Oskar Viéitez |
-
Lores responde a ENCE: "Cando o fume sae ao aire e cheira, leva substancias. Non é vapor de auga"
Por Alejandro Espiño |
-
ENCE asegura que as súas análises confirman "episodios de cheiros e non problemas respiratorios"
Por Redacción |