O "luxo" de estudar rodeado de natureza, con só 9 compañeiros e atención individual
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A Antía tócalle ser a encargada da clase e, como tal, sitúase ante a lousa e sobe a unha cadeira. A rutina é ben coñecida por todos. O primeiro paso é dicir o seu nome en palmadas. An-ti-a. Tres. A continuación, toca escribilo na lousa. Todas as letras, acento incluído. Cinco. O seguinte é poñer a data. Martes, 23. Que non falte o tempo que fai, debuxado a través dunha nube con choiva, e moito menos debuxarse a si mesma. Para o retrato axúdanlle os seus compañeiros: pelo liso e louro, baixa, delgada.
Pero faltan tres das partes máis importantes. De forma de ser como é Antía? Cada compañeiro achega: traballadora, axuda aos demais, alegra, simpática. Como sente hoxe? "Feliz, porque me gusta saltar nos charcos de auga". Como sente o resto da clase? Un a un vai preguntando a todos e atopa respostas tan emocionantes como a de Manu: "Feliz, porque cando pase o coronavirus, Mario vai vir á miña casa".
En tan só uns minutos, toda a clase traballou as habilidades sociais e as emocións á vez que aprendían a escribir, ler e asimilar as sílabas de cada palabra, aprendizaxe que lles resultará crucial cando avance no estudo da gramática.
A escena, moi similar á que podería vivirse ao comezo da xornada lectiva de moitos colexios de educación infantil, produciuse este martes na escola unitaria de Romai, en Portas, e ofrece varios valores engadidos sobre a maior parte dos centros de educación regrada: na clase son tan só 9, de modo que a interacción é total e a atención da profesora, individual; están nun patio cuberto con moito espazo para garantir a distancia social e a ventilación esixidos pola pandemia da covid-19; entre os compañeiros hai escolares de 3,4 e 5 anos, de modo que se ensinan uns a outros e aprenden as relacións con persoas de distintas idades e condicións; no exterior, o contacto coa natureza é pleno.
A experiencia, todo un "luxo" en palabras da súa profesora, Monse Vaamonde, non dista moito da que viven outros 10 escolares nas próximas unitarias de Curro e Lantaño. Os tres centros, situados nos municipios de Portas e Barro, comparten ADN. "Sobre todo, a proximidade coas familias e a relación que se establece entre os nenos maiores e máis pequenos; ao convivir en distintos niveis, axúdanse moito, os pequeno aprenden a respectar aos maiores e os maiores a coidar aos pequenos. Comprenden que teñen outros tempos e dificultades", resume Maika Rodríguez, profesora de Curro.
Nestas tres unitarias non hai servizos que axudan á conciliación familiar como o Plan Madruga ou o comedor escolar, pero, a cambio, ofrecen instalacións "moi boas" e unha ratio de alumnos por profesora que, tal e como lembra Maika, permite "individualizar, atender as necesidades de cada un".
Ademais, non lles falta profesorado, pois á titora súmase, en cada unha das escolas, especialistas de Inglés, Audición e Lingua e Relixión dúas sesións por semana; e a súa contorna privilexiada ábrelles a porta para poñer en marcha actividades impensables en centros situados en zonas urbanas ou con maior cantidade de alumnado.
"É o meu soño, se es mestra vocacional, o que soñas é poder atender a cada neno sen marchar para casa pensando que non fixeches o traballo todo o ben que querías"
Nestas escolas unitarias o alumnado xa ten mesmo botas de auga no centro porque, durante o inverno, saír ao exterior forma parte xa da súa rutina lectiva. "Eu xa non entendo a escola sen ter un bosque ou árbores preto", explica Lida Gómez, titora de Lantaño que, tras varios anos noutros centros de maior tamaño, fai catro chegou a Lantaño e xa non concibe pedir outro destino, pois "é o meu soño, se es mestra vocacional, o que soñas é poder atender a cada neno sen marchar para casa pensando que non fixeches o traballo todo o ben que querías".
Ese trato "máis persoal e individual" tanto co alumnado como coas familias permítelle saber que necesita cada alumno e a contorna natural e ratio reducida danlle a oportunidade de ensinar con máis tranquilidade. "Non hai tensión", traballan "con liberdade de horarios" e poden respectar os ritmos de cada alumno, proporcionándolle "unha educación lenta, en calma", diferente á que se pode atopar noutros colexios de gran tamaño nos que "ás veces os nenos non poden procesar toda a información" para poder seguir o ritmo horario do resto do centro.
Para Lida, o contacto coa natureza é "fundamental para o desenvolvemento" do neno e dálle a opción de desenvolver actividades como filosofía no bosque, na que traballan os pensamentos crítico, creativo e coidadoso. Contar cun unhas instalacións amplas e dúas aulas diferenciadas danlle a oportunidade de poñer en marcha proxectos como a "filodanza".
Esta filosofía persoal de Lida e a contorna foron dúas dos motivos que levaron a Mario e Camille escoller este centro a pesar de que cada día teñen que desprazarse desde Caldas de Reis a Lantaño. "O esforzo merece a pena", explica esta nai de dous pequenos que esta semana cumpren catro anos.
En plena pandemia da covid-19, Camille chama a atención sobre o feito de que en moitos colexios resulta complicado aplicar os protocolos sanitarios e respectar a distancia social en clases con máis de 20 alumnos, pero neste centro só conviven 10 alumnos de 8 familias e pasan a maior parte da xornada lectiva ao aire libre, "un luxo, e máis agora que nunca".
Nas escolas unitarias, "as vantaxes son todas", sosteñen os pais
Tanto pre como post covid, hai outra circunstancia que converteu a Camille en defensora sen concesións deste tipo de centros educativos, a súa baixa ratio de alumnos por aula, pois ela, como profesora de clases particulares de inglés, sabe por experiencia propia que "cando hai demasiados alumnos, non se pode ensinar e non se pode aprende da mesma maneira porque non hai atención persoal. Iso é o que achega sempre a unitaria máis que calquera outro colexio".
A experiencia é enriquecedora para familias e alumnado e os pais nótano na cara dos seus fillos cando espertan con ansias por ir ao centro e regresan cun sorriso na boca. Nestes centros, "as vantaxes son todas", insiste Nieves García, nai dun neno da escola de Curro. Ela mesma estudou nese centro e nunca lle pasou pola cabeza elixir outro para o seu pequeno, que recibe unha atención "moi especial" e realiza actividades impensables noutra contorna. No seu centro, por exemplo, teñen unha horta.
"Non digo que sexa mellor nin peor", reflexiona Monse, pero ela, tras 13 anos en Romai, xa non pensa noutro destino que este no que traballa cos seus alumnos en base a música, poesía, arte e un ritmo pausado que vai adaptando a aprendizaxe a variables como o tempo que faga no exterior ou o revolucionados que atope aos nenos.
"Noutro colexio non se se podes velos revolucionados e sacalos para relaxalos, botar a andar ao monte", recoller follas e traballar valores como a auto imaxe de cada alumno, "que se capten, valoren e suban a autoestima". A adaptación é tal a cada alumno que logra que eles sentan todos a gusto e neste centro tanto improvisan recitando unha poesía como lle poñen banda sonora á mañá: "Si quieres ir a un cole guay, ven al cole de Romai".