Cuntis e a Deputación reivindican a "violencia zero"
Por Redacción
O programa "Mulleres en Acción. Violencia Zero", que desenvolve a Deputación de Pontevedra, chegaba este martes a Cuntis.
A artista María Villanueva escenificaba no Centro Sociocultural Patelas unha peza que combinaba música, imaxes e palabras. Co título de "Carta Aberta", a artista explicaba que quería poñer o foco no "mundo misóxino" en que vivimos a través "dun exercicio de escoita e reacción; unha busca de respostas sobre a violencia e o feminismo; ese feminismo no que hai espazo para todas”. A peza estivo apoiada por fragmentos audiovisuais nos que Villanueva recolleu a testemuña de varias mulleres referentes como Hannah Gadsby, Gahela Cari, Marielle Franco ou Angela Davis.
A este acto reivindicativo e de concienciación asistían a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; a deputada provincial Victoria Alonso; o alcalde de Cuntis, Manuel Campos; e membros da corporación municipal. Para que todo o mundo puidese ter a oportunidade de ver a posta en escena de María Villanueva, esta foi retransmitida a través de diversas canles institucionais así como no Centro de Día de Cuntis.
A presidenta provincial fixo un recoñecemento ás mulleres que traballan nos Centros de Información á Muller (CIM) xunto a outras mulleres que cada día padecen todo tipo de desigualdades. Neste sentido puxo ao concello de Cuntis como un referente no traballo pola igualdade.
Silva recalcaba que as mulleres están marcadas dende o seu nacemento para que "saibamos o lugar que temos que ocupar no mundo" mentres aos homes lles din que "teñen un lugar de empoderamento". Denunciaba así mesmo a escasa presenza feminina en lugares tan determinantes como os libros de texto. Pola tanto, engadía, "medramos sen referencias e crendo que estamos para outras cousas e non para opinar, cambiar, transformar ou dirixir".
Pola súa banda, o alcalde Manuel Campos tamén remarcaba que "a aposta feminista en Cuntis está moi presente". Na súa intervención agradeceu tanto ao ente provincial como ao persoal e políticos do concello o traballo que levan a cabo a favor da igualdade. Campos quixo rematar a súa quenda de palabra cunha frase de Carme Chacón: "cada vez que unha de nós dá un paso adiante, dáo o noso xénero".
MURAL POLA IGUALDADE
Carmela Silva e Victoria Alonso aproveitaron a súa visita a Cuntis para coñecer de primeira man un mural promovido polo concello e instalado no pavillón municipal. Esta proposta artística, que reivindica o rexeitamento á violencia machista, foi realizada por Cestola na Cachola, a cooperativa creada por Miguel Peralta e Xoana Almar, que a levaron a cabo en conxunto coas artistas Lidia Cao e Iria Fafián.
Coa figura feminina como eixo principal este mural busca a unión da forza na procura da igualdade á vez que pon de relevo a importancia que teñen as mulleres na construción da sociedade. Con este fin, o grupo de artistas plasmou a figura de tres mulleres en tres das paredes do pavillón realizando actividades ligadas ao concello de Cuntis, como son os petróglifos, as augas termais e á cerámica presente en moitos restos arqueolóxicos.
Relacionadas:
-
'Violencia Zero' instalala un mural reivindicativo en Bueu
Por Redacción |
-
Marín reflexiona sobre os "malabarismos" das mulleres para poder conciliar
Por Redacción |
-
Un mural en Caldas para denunciar unha sociedade que "maquilla" a violencia machista
Por Redacción |
-
A Deputación anuncia unha "extensa xeira de accións" que farán de marzo o mes da igualdade
Por María José Pita |
-
Sen minutos de silencio no 25N da Deputación: "estamos fartas do silencio, imos berrar alto e claro contra o maltrato que sufrimos as mulleres"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
'Mulleres en acción. Violencia Zero' leva as súas reivindicacións a Sanxenxo
Por Redacción |
-
'Mulleres en Acción. Violencia Zero' regresa en Marín cun berro contra a violencia machista
Por Redacción |