A construción de novas vivendas aumentou un 58% en Poio a pesar da pandemia
Por Redacción
A pesar da covid-19, a actividade inmobiliaria parece que non se resentiu en Poio. Durante o ano 2020, tramitáronse un 58% máis de licenzas para a construción de novas vivendas. Se as solicitudes foran 10 o ano anterior, desta volta foron 17.
O edil de Urbanismo, Gregorio Agís, explicou que tamén se rexistrou unha actividade "bastante importante" noutras cuestións, como pode a obra menor. Neste caso, inclúense traballos como as melloras nas fachadas, entre outras intervencións.
Os rexistros urbanísticos demostran ademais que cada vez son máis os propietarios e propietarias de edificacións que teñen moi en conta a eficiencia enerxética á hora de rehabilitar estas dependencias.
"Recibimos varias solicitudes para a dotación de envolvente enerxética en edificios", apunta Agís, que lembra que o Concello vén de aprobar unha redución no recibo do IBI para aquelas vivendas construídas antes do ano 2007 que non conten con elementos e sistemas que garantan o aforro enerxético, pero que contemplen a súa instalación.
Neste grupo entrarían actuacións destinadas á dotación de paneis solares.
Esta medida forma parte do paquete de modificacións en diferentes impostos que xa foron aprobados polo pleno da corporación e que entrarán en vigor no ano 2022.
A única redución de licencias en Poio con respecto a 2019 se rexistrou no correspondente a obras de rehabilitación ou ampliación, pasándose de dez a cinco.