A hostalería de Pontevedra retoma as protestas nun día de manifestacións por toda Galicia
Por Manu Otero & Mónica Patxot
A hostalería volve tomar as rúas de Pontevedra nunha xornada de protestas simultáneas en numerosas localidades de Galicia e a só 48 horas da reapertura gradual do sector como consecuencia da melloría na situación epidemiolóxica. Aínda que acatan as medidas, o gremio está en desacordo coa xestión da pandemia por parte da Xunta e das demais administracións do Estado, ás que esixen indemnizacións para un sector "intervido".
Máis dun centenar de profesionais relacionados coa hostalería congregáronse este mércores fronte ao edificio administrativo da Xunta en Pontevedra. Equipados con pancartas nas que esixen un rescate, os protestantes percorreron as rúas do centro da cidade ata concentrarse na Praza de España, fronte á sede do Concello e da Subdelegación do Goberno. De forma paralela, unha decena de coches de provedores completaron o percorrido por estrada facendo soar as súas cláxones en sinal de protesta.
Xa na praza, membros de Hoempo, asociación organizadora da marcha, sacaron un cadaleito dun coche fúnebre e montaron unha capela ardente para representar o funeral dun sector que leva case un ano con restricións e perdendo peso cada día que pasa. No féretro, os hostaleiros depositraron os utensilios a modo de ofrenda polos locais perdidos.
O acto, que se realizou tamén en Vilagarcía e unha vintena máis de municipios da comunidade, concluíu coa lectura dun manifesto dirixido ás catro administracións que gobernan en Galicia para dicir ben alto que "a hostalería de toda Galicia, unida, di basta".
Denuncian que a súa actividade viuse paralizada por decisión da Xunta, pero seguiron pagando os seus impostos. Por iso piden a adopción de medidas económicas que palien as perdas do sector como se está facendo noutros países de Europa.
No discurso deixan claro o seu rexeitamento á criminalización do sector, a necesidade dun rescate, e a aplicación de medidas laborais, fiscais, tributarias que permitan á hostalería sobrevivir e retomar unha actividade normal tan pronto como se supere a pandemia.
Relacionadas:
-
Daniel Lorenzo, presidente de Hoempo: "Isto non afecta só os hostaleiros, os políticos vanse a levar un golpe duro"
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Reabre a hostalería e anulan os peches perimetrais en toda a área sanitaria de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
A Xunta amplía as axudas a unha hostelería que intensifica as movilizacións
Por Manu Otero |