O saneamento para o núcleo de Reboredo, en Campo Lameiro, custará 400.000 euros
Por Redacción
Un convenio entre o Concello de Campo Lameiro e Augas de Galicia permitirá dotar de saneamento ao núcleo rural de Reboredo, co obxectivo de que dean servizo a unha poboación de 65 habitantes para o ano horizonte de 2041.
Este núcleo, na actualidade, carece de sistema de saneamento municipal. Só ten unha canalización de augas pluviais de recente implantación. Esta situación incide de forma negativa na calidade de vida dos veciños e nas condicións ambientais da contorna.
De aí que, cun orzamento duns 400.000 euros, se vaian a executar as obras necesarias para levar as augas residuais urbanas á estación depuradora existente na Laxe, para o seu tratamento. Os traballos contarán cun prazo de execución de catro meses.
A actuación proxectada prevé executar unha nova rede con 1.386 metros de lonxitude total, formada por seis colectores de saneamento de augas fecais, con tubaxe.
O convenio trasladado pola Xunta ao Concello sinala que o 80% desta obra, uns 320.000 euros, será sufragada pola administración autonómica, que executará os traballos.
O goberno municipal de Campo Lameiro terá que achegar o 20% restante, 80.000 euros, comprometéndose, entre outras cousas, a poñer a disposición os terreos para levar a cabo esta obra. O mantemento e a conservación desta rede tamén será competencia municipal.