Moreira recorre ao Parlamento para "desvelar o verdadeiro estado do río dos Gafos"
Por Redacción
O grupo do Partido Popular acaba de trasladar ao seo do Parlamento de Galicia o caso da situación ambiental do río dos Gafos. Pretende que de maneira oficial a Xunta de Galicia, concretamente a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, realice un estudo que desvele o alcance total e o número de puntos de vertedura que sofre o río.
A iniciativa, instigada polo voceiro municipal Jacobo Moreira, busca "que quede ao descuberto a verdadeira dimensión do principal problema do río. Unha escandalosa situación denunciada con insistencia pola asociación Vaipolorío e que o alcalde de Pontevedra mantén oculta de xeito completamente irresponsable".
O concelleiro do PP espera "botar luz sobre este caso", que consideran "outro claro exemplo da falta de transparencia que Lores aplica a todo o que envolve ao Concello pontevedrés".
Neste sentido, o voceiro popular lembrou "o conflito derivado do colector proxectado no seu día polo equipo de Fernández Lores, un colector considerado polos técnicos da Xunta totalmente insuficiente para arranxar o problema". O caso remóntase ao convenio asinado en 2010 para a instalación da rede de sumidoiros no rural pontevedrés que comprometía á Xunta a unha achega de 7 millóns por 3 do Concello.
A Xunta rescindiu unilateralmente un contrato de un millón de euros destinados para o saneamento do río aducindo "graves defectos" no momento de iniciar os traballos. Por el contrario a Xunta anunciou que encargaría un estudo de caudais na rede de saneamento do leito dos Gafos, análise que resolveu que a solución pasaría por reducir a entrada de pluviais e infiltracións e por aumentar a capacidade hidráulica da rede, hoxe inviable porque implicaría unha ampliación da actual Estación Depuradora dos Praceres.
Relacionadas:
-
A Xunta dí que a solución do problema de saneamento do río Gafos é de estrita competencia municipal
Por Redacción |
-
O Concello insístelle a Augas de Galicia que a construción do colector do Gafos é "irrenunciable"
Por Oskar Viéitez |
-
O PP propón destinar ao saneamento das parroquias os cartos previstos para o río Gafos
Por Redacción |