Prisión para os nove mariñeiros detidos por un alixo de case 3.000 quilos de cocaína que tentaron afundir no mar
Por Natalia Puga
O xuíz Santiago Pedraz, titular do Xulgado Central de Instrución 1 da Audiencia Nacional, ordenou o ingreso en prisión dos nove mariñeiros do buque mercante Nehir, detidos o pasado luns nunha operación conxunta da Garda Civil, a Policía Nacional e o Servizo de Vixilancia Aduaneira por un alixo de preto de 3.000 quilos de cocaína que quixeron afundir.
Os nove detidos son cidadáns naturais de Xeorxia e Turquía e, tras ser detidos o luns fronte á costa de Ribadeo, en Lugo, foron trasladados primeiro a Ferrol e logo aos calabozos das comisarías da Policía Nacional de Pontevedra e Vigo. Tras pasar a noite en dependencias policiais, este mércores á primeira hora da mañá foron trasladados aos xulgados pontevedreses da Parda.
A operación coordínaa o Xulgado de Instrución número 1 da Audiencia Nacional, pero en lugar de ser trasladados a Madrid para prestar declaración, declararon por exhorto desde un xulgado pontevedrés. Unha vez concluído o trámite, o xuíz Pedraz ordenou o seu ingreso en prisión.
Segundo confirmaron fontes da Audiencia Nacional, aos nove atribúenselle os delitos de tráfico de drogas e pertenza a organización criminal.
De momento, estes nove son os únicos detidos nesta operación antidroga, que segue en marcha para tratar de localizaron aos destinatarios da droga. Os investigadores traballan sobre a hipótese de que se trata dunha organización criminal con base na comarca do Salnés, aínda que ata o momento non puido ser detido ningún dos seus integrantes, senón tan só os tripulantes do buque.
A operación, bautizada Bocanegra, tivo o seu epicentro na costa de Lugo. O buque mercante Nehir, de 52 metros de eslora e que navega baixo bandeira da República de Palau, foi interceptado cando viaxaba fronte á costa de Ribadeo. Alí mesmo a súa tripulación, ao saber que fora sorprendida polas Forzas de Seguridade, afundiuno.
A investigación iniciouse no mes de maio do pasado ano, tras ter coñecemento das presuntas actividades ilícitas dunha organización criminal asentada na comarca O Salnés. Froito da análise de toda a información obtida ao longo desta investigación, os axentes aglutinaron unha serie de indicios que apuntaban á existencia dun mercante que podería transportar unha notoria cantidade de cocaína desde Sudamérica, a cal sería transbordada a outras embarcacións nalgún punto indeterminado das costas galegas.
O buque de acción marítima ‘ Serviola’ da Armada Española, con forzas especializadas a bordo dos tres corpos intervenientes e apoiado por un helicóptero e tres patrulleiras de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria das Bases de Coruña, Ribadeo e Santander e unha patrulleira do Servizo Marítimo da Comandancia de Xixón da Garda Civil, localizaron á primeira hora do día do luns o mercante fronte ás costas de Ribadeo en pleno temporal. O buque foi abordado polo GEO da Policía Nacional, que localizou unha gran cantidade de fardos, similares aos habitualmente utilizados para transportar substancias estupefacientes, ocultos nun compartimento do barco.
Durante o asalto, a tripulación do ‘ Nehir’, véndose sen ningunha posibilidade de fuxida, accionou algún dispositivo que provocou a rápida inundación de todos os compartimentos da nave coa intención de non deixar rastro algún da súa carga ilícita conseguindo que, en pouco máis de dúas horas, o buque afundísese totalmente. Con todo, lograron rescatarse uns 3.000 quilos de cocaína e tamén os nove tripulantes.