O PSOE esixe á Xunta que recupere os servizos suprimidos na escola unitaria de Verducido e no colexio Barcelos
Por Redacción
A parlamentaria socialista Paloma Castro vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que recupere os servizos suprimidos na escola unitaria de Verducido e no CEIP Barcelos de Pontevedra de cara ao curso 20/21.
Castro lembra en primeiro lugar que a Xunta pechou no curso pasado unha das aulas de infantil e neste curso suprimiu a unidade de Primaria da escola de Verducido, o que suscitou unha sentenza xudicial en contra.
Advirte o PSdeG que xa que a sentenza chegou cando xa pasaran 3 meses de curso, as familias optaron por continuar o curso nunha parroquia veciña, a onde lles mandara a Consellería de Educación. Sen embargo, sinala que a sentenza xudicial segue vixente e obriga ao goberno galego a abrir a aula e dotar ao centro dos medios necesarios para que os nenos poidan recibir Educación Primaria nesta escola rural no próximo curso.
Explica Paloma Castro que "toda a escola viviu esta situación como unha arbitrariedade, incluso os alumnos de infantil, que se viron privados de irmás, amigos e compañeiros de forma inxusta".
BARCELOS
Ademais, presentou unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que restableza a segunda aula de Educación Infantil no CEIP Barcelos, en Pontevedra, para habilitar dous grupos diferentes de cara ao curso 2021/22. Lembra que a Xunta comunicou, no pasado mes de setembro, a supresión dunha aula de 4º curso de Infantil para este curso, xustificando que había 19 alumnos e querían concentralos a todos nunha soa aula.
Finalmente o curso recibiu 4 matrículas adicionais, co que na actualidade hai 23 alumnos matriculados en 4º de Infantil compartindo aula.
O Grupo Socialista reclámalle á Xunta que, de cara á planificación do próximo curso, volva dividir este curso en dúas aulas con dous profesores, xa que "o colexio conta con instalacións amplas e suficientes para desenvolver as actividades de forma axeitada". Esta medida resulta "moito máis beneficiosa non só para garantir a distancia sanitaria e a seguridade, senón que mellora a calidade da ensinanza ao diminuír a ratio de alumnos e alumnas por profesor".
Relacionadas:
-
O PP ve "completamente xustificado" o peche da unidade de Primaria da escola de Verducido
Por Redacción |
-
Educación confirma que a escola de Verducido non terá Primaria o próximo curso
Por María José Pita & Mónica Patxot |
-
A horta escolar e o invernadoiro do colexio Riomaior resisten ás restricións sanitarias
Por Oskar Viéitez |
-
Educación reabrirá Primaria na escola de Verducido de maneira "inmediata"
Por Alejandro Espiño |
-
Verducido mobilízase contra o peche de Primaria na súa escola unitaria en plena pandemia
Por Redacción |