Boa Vida reúnese este venres para facer balance do 2020 e marcar novas metas para o 2021
Por Redacción
A asociación pontevedresa Boa Vida organiza este venres 26 de febreiro nos baixos da igrexa de Santiaguiño do Burgo unha reunión para facer balance das accións realizadas ao longo do 2020 e marcar novos obxectivos para o presente curso.
Superado un 2020 marcado polo teletraballo e as máscaras, a asociación márcase para este ano sacar adiante dúas tendas en Pontevedra. Á xa aberta en Santa Clara, 35 unirase outro establecemento en Rúa da Seca, 3, no que se sitúan as oficinas de dereitos e deberes sociais.
Nelas pretenden seguir dando saída ás 40 toneladas de produtos recollidos e atención a oito familias, así como o servizo de limpeza que levan tempadas desenvolvendo.
Nas oficinas de dereitos e deberes sociais mantense o equipo de once profesionais comprometidos coa acción social a través de tres grandes liñas de traballo que contan co apoio de todas as administracións.
Ás persoas que atenden, Boa Vida ofrécelles acollida e participación para saír da espiral de exclusión social a través dun acompañamento psico-social. Ao mesmo tempo, seguirán realizando campañas para promover a cohesión social e loitar contra a pobreza.