A Lama recupera este domingo a súa actividade feiral e comercial
Por Redacción
A Lama recupera a súa tradicional feira dos domingos despois do parón obrigado polas restricións derivadas da pandemia da covid-19. En colaboración con Protección Civil, o Concello ten deseñado un amplo dispositivo organizativo e de seguridade con separación de seguridade entre vendedores ou circuíto de entrada e saída para clientes, entre outras moitas medidas de prevención.
O día 28 o mercadillo regresará con vendedores de roupa, calzado, panadería ou produtos da horta. Con todo, as principais novidades son o regreso do pulpeiro e a instalación dun posto de venda de churros.
O obxectivo da recuperación desta feira é dinamizar a economía e a actividade social do municipio ao mesmo tempo que se mellora a oferta comercial. Ademais, as rúas da contorna da Alameda volverán estar libres ao tráfico e ao aparcamento para facilitar o estacionamento a aqueles veciños que acudan desde outros municipios e parroquias.