Poio farase cun sonómetro para controlar a contaminación acústica
Por Redacción
O Concello de Poio márcase como obxectivo para este ano 2021 impulsar controis máis efectivos e rigorosos á hora de regular cuestións como a contaminación acústica. Para iso, o goberno local pensa adquirir un sonómetro que empregarán para medir o nivel de ruídos cando sexa necesario.
Serán os axentes da Policía Local e os técnicos de Medio Ambiente os encargados de facer uso deste aparello cando sexa preciso realizar algunha medición co obxectivo de corroborar que os niveis acústicos cumpren coa normativa vixente. Para iso, o persoal responsable de utilizar este aparello será sometido proximamente a unha formación para familiarse coa súa utilización.
"Seguimos dando pasos de cara á regulación de cuestións que son moi importantes para garantir o benestar da nosa cidadanía", dixo a concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas. Precisamente, esta é unha das metas que contempla na ordenanza de convivencia cidadá que prepara o goberno local. "Debe ser un documento vivo, dinámico e moi transversal. Traballamos, en definitiva, nun complemento que servirá para completar outras ordenanzas nas que tamén está a traballar o Concello e, ao mesmo tempo, nunha vía que debe servir para dar resposta a necesidades vencelladas ao medio ambiente ou o patrimonio", concluíu a concelleira do BNG.