As novas restricións en Pontevedra: que podo facer a partir deste venres?
Por Alejandro Espiño
Galicia amence coas restricións máis complexas desde que se iniciou a pandemia. A división da comunidade en tres niveles lanza numerosas dúbidas entre os cidadáns, que tratamos de resolver nesta información.
Con respecto ao que poderemos ou non facer en Pontevedra e no resto dos municipios da súa contorna, estas son as respostas a algúns dos interrogantes que máis se repiten.
Por onde poderemos movernos?
Coas novas restricións desaparecen os peches perimetrais de cada municipio, pero seguiremos sen liberdade total de mobilidade. Só poderemos movernos dentro da área sanitaria e, salvo causas xustificadas, non poderemos saír dese perímetro.
É dicir, poderemos entrar e saír da Illa de Arousa, A Lama, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Forcarei, Marín, Meaño, Meis, Moraña, O Grove, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Portas, Ribadumia, Sanxenxo, Soutomaior, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.
Non poderemos, entre outros exemplos, nin desprazarnos a Vigo nin a Santiago, que teñen un nivel de incidencia menor que a área de Pontevedra; nin tampouco ata A Coruña ou Ferrol, aínda que a situación epidemiolóxica e o nivel de restricións sexa o mesmo.
Mantense o toque de queda?
Si, Galicia mantén activo o toque de queda nocturno que estaba vixente ata o de agora. Non poderemos saír das nosas casas entre as dez da noite e as seis da madrugada.
Podo visitar a familiares ou amigos nas súas casas?
Aínda que as autoridades sanitarias seguen recomendando que se eviten as reunións sociais, o certo é que non estarán prohibidas. Permitiranse encontros de ata catro persoas non conviventes, xa sexan en espazos públicos ou privados. Esta medida afecta a toda Galicia.
Ata que hora abrirán os bares? E os comercios?
O alivio das restricións permitirá que en toda a área sanitaria os establecementos de hostalería poidan retomar a súa actividade. Poderán facelo ata as seis da tarde e atendendo aos seus clientes só en terrazas. O límite máximo de aforo será o 50%.
Con todo, poderán prestar servizos de recollida no local ata as 21.30 horas, ou ben ofrecer entrega a domicilio. Neste caso, poderá realizarse ata as doce da noite.
No caso dos comercios poderán abrir ata as 21:30 horas, como xa se permitía desde hai unha semana. Non poderán exceder a metade da súa capacidade. Ademais, os centros comerciais abrirán as fins de semana, tras levantarse as restricións para evitar aglomeracións.
Con respecto ás feiras e mercados ao aire libre, estes non poderán instalar máis do 50% dos postos autorizados e terán que limitar a asistencia de clientes para garantir a distancia interpersoal entre os participantes.
Podo retomar os meus adestramentos no ximnasio?
Esta é outra das novidades con respecto ás restricións vixentes. Ximnasios, piscinas e centros deportivos abrirán de novo. Terán un aforo restrinxido e os seus usuarios deberán usar máscara en todo momento. As actividades en grupo estarán limitadas a catro persoas.
A práctica de actividade física non federada ao aire libre poderá realizarse de forma individual ou colectiva, pero sen contacto. No caso de que sexa en grupo, só poderá haber catro persoas de maneira simultánea, xa sexan conviventes ou non.
E se caso? Ou teño que enterrar a un familiar?
En toda Galicia os velorios e enterros seguirán limitados a cinco persoas baixo teito e quince ao aire libre. Os lugares de culto só poderán ocupar o 30% da súa capacidade. No caso das vodas, deberán respectar as normas vixentes para o lugar onde se celebre a ligazón.
Se me apetece podo durmir nun hotel?
Todos os establecementos turísticos poden abrir, independentemente das restricións. Iso si, só poderán aloxarse clientes que procedan dos 26 municipios da área sanitaria de Pontevedra, ao estar limitada a mobilidade. É dicir, unha persoa de Pontevedra poderá pernoitar en Sanxenxo. Pero non poderá facelo alguén que veña de Vigo ou Ourense.
As clases serán presenciais?
Así é. En todos os casos. As universidades reabrirán as súas aulas desde o 1 de marzo e sumaranse ás clases presenciais en infantil, primaria, secundaria ou FP. Ademais, academias, autoescolas ou centros de formación poderán facelo se non superan o 50% do seu aforo.
Podo ir ao cine ou a un concerto?
A cultura xa retomou a súa actividade hai unha semana. Mantéñense abertos cines, teatros, museos, salas de exposicións ou bibliotecas, entre outros centros culturais. O seu aforo está limitado a un 30% da súa capacidade, segundo a normativa sanitaria, e co público sentado.
Nestas actividades lúdicas e recreativas haberá un límite máximo de asistentes de 250 persoas en espazos pechados e de 500 persoas ao aire libre. A máscara será obrigatoria.
Hai actividades prohibidas?
Si, unhas cantas. Mantense a prohibición de celebrar festas e eventos populares. Tampouco poderá haber espectáculos taurinos, circenses ou pirotécnicos. E, entre outros, pubs, discotecas, salas de festas, casinos, bingos ou casas de apostas seguirán sen poder abrir as súas portas.
Todas estas restricións pódense consultar no Diario Oficial de Galicia.
Relacionadas:
-
Vilagarcía tramita nunha semana 23 denuncias por incumplir as normas covid, a maioría na hostelería
Por Redacción |
-
Fin de semana de paseos, terrazas, praia, baños esporádicos e menos restricións
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
Desaloxan a Praza da Verdura durante a tarde deste sábado por incumprimento das medidas sanitarias
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Detida unha muller que estaba sen máscara nunha terraza e, cando a Policía a alerta, enfróntase e tenta fuxir
Por Natalia Puga |
-
O Espazo Nemonon ofrece esta tarde un concerto acústico de blues, reggae e rumba
Por Redacción |
-
O inicio da desescalada chega acompañado dun tempo primaveral
Por Isabel Feijóo Gallardo |
-
Haberá inspeccións contínuas nos bares, que poderán ser precintados se incumpren as restricións
Por Alejandro Espiño |
-
A Xunta confirma a reapertura de ximnasios na área sanitaria
Por Oskar Viéitez |
-
Reabre a hostalería e anulan os peches perimetrais en toda a área sanitaria de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Galicia prevé reabrir a hostalería "en boa parte" da comunidade a próxima semana
Por Alejandro Espiño |