Ponte Caldelas saca a licitación a mellora da Rúa da Ponte
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas saca a licitación a mellora da Rúa da Ponte, unha das máis transitadas por peóns e vehículos.
Actualmente, as beirarrúas son moi estreitas e, en determinados tramos, resulta complicado para peóns poder camiñar por elas sen ter que baixar á estrada, o que se supón un importante risco para a seguridade vial. A dificuldade é aínda maior se o que se quere é pasar nunha cadeira de rodas ou un carriño de bebé.
Por iso, a rúa será sometida a unha importante obra para mellorar a mobilidade peonil. As empresas interesadas na realización dos traballos poden presentar as súas ofertas ata o 18 de marzo e o prazo de execución das obras será de 70 días. A obra sae a concurso por 84.078,65 euros (iva incluído).
Este proxecto de mellora da rúa contempla a ampliación e empedrado das beirarrúas, a instalación de mobiliario urbano e a colocación de xardiñeiras con iluminación LED na parte baixa que deixará unha sutil iluminación sobre o chan de pedra.
O Concello estende a liña estética da Praza do Bispo ata a ponte romática, tamén empedrada, creando un espazo máis uniforme.
"Seguimos embelecendo Ponte Caldelas para convertela nunha vila do século XXI sen que perda a súa esencia", indica o alcalde Andrés Díaz, que lembra que xa se está a executar a mellora da Avenida de Galicia e que nos vindeiros días comezará tamén a reforma da Estrada do Balneario.
Relacionadas:
-
Adxudicada a obra da rúa da Ponte para facilitar o tránsito de peóns
Por Redacción |
-
Presentan dezaseis ofertas para a reforma da Rúa da Ponte
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas anuncia que este será o ano con máis investimentos da súa historia
Por Redacción |
-
A Rúa da Ponte terá beirarrúas empedradas e mellorará a mobilidade peonil
Por Redacción |