Propoñen unha programación de vacacións entre maio e outubro
Por Oskar Viéitez
A fatiga pandémica unida a unha posible solución á crise sanitaria provocada polo Covid-19 de man da vacinación, así como o Xacobeo, está a espertar un moderado interese por planificar os descansos vacacionais deste ano 2021 en diferentes puntos da xeografía galega.
Os propietarios da Asociación de vivendas turísticas de Galicia (Aviturga) xestionan desde hai semanas preguntas vinculadas á dispoñibilidade de aloxamentos para este verán, detectando que o interese se concentra no mes de agosto e máis concretamente na primeira quincena.
As vivendas illadas, en zonas de costa ou de interior con piscina ou zonas axardinadas son as que acaparan a maior parte das prereservas. Os informes que manexa Aviturga, elaborados polas principais plataformas de reserva, apuntan ao turismo nacional como principal motor das viaxes deste verán nun intento dos españois en xeral de recuperar a normalidade na vida social e perder o medo ás relacións sociais.
Todo apunta, con todo, a que a pandemia modificou profundamente os nosos hábitos, tamén no que se refire ao concepto vacacións e descanso. Por iso, Aviturga aposta pola desescalada progresiva tamén no período vacacional, de forma que unha planificación programada evite as concentracións de viaxes nos meses de verán, sobre todo en agosto.
Desde Aviturga convidan a colectivos como a terceira idade ou ás persoas a quen o teletraballo lles permite compatibilizar xornada laboral con tempo de lecer planificar as vacacións nun arco que vaia de maio a outubro, desconxestionando así os destinos máis demandados, evitando concentracións de visitantes e mesmo conseguindo mellores prezos nos aloxamentos.
"Non hai que esquecer que os maiores son o sector da poboación que máis sofre esta pandemia, con restricións de mobilidade desde hai xa un ano e en moitos casos cun illamento ata familiar. Esperan ese reencontro e sobre todo poder recuperar a súa estabilidade psicolóxica e emocional ao recuperar un hábito tan común como unha pequena escapada. Todo parece indicar que estarán vacinados antes da tempada estival e iso contribuirá a que poidan gozar do bo tempo pero con maiores garantías se o fan nos meses anteriores ou posteriores a agosto", indican desde Aviturga.
A Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia convida a seguir apostando por Galicia, a disfutar do Xacobeo pero á vez convida a unha reflexión global sobre a conveniencia de dispersar as vacacións, con máis saídas pero máis curtas, contribuíndo á dinamización e recuperación do sector turístico en xeral, da hostalería e do comercio, un método que tamén contribuiría á recuperación psicolóxica da poboación dunha forma máis áxil.