Desaloxan a Praza da Verdura durante a tarde deste sábado por incumprimento das medidas sanitarias
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
A Policía Local de Pontevedra tivo unha xornada de intenso traballo durante este sábado 27 de febreiro. A apertura da hostalería e o levantamento dalgunhas das medidas de restrición acompañadas polo tempo asollado con boas temperaturas desta xornada provocaron que prazas tan céntricas como a da Verdura en Pontevedra presentasen unha imaxe de aglomeracións.
Ante esta situación, a Policía Local decidía ao redor das 18.00 horas deste sábado desaloxar a praza debido ao incumprimento das medidas porque numerosas persoas non mantiñan a distancia de seguridade nin mantiñan as máscaras tal e como obriga a Xunta de Galicia, de maneira que só pódense retirar no momento de beber ou para comer.
Segundo testemuñas presenciais, algúns dos establecementos mesmo chegou a servir bebidas ou comidas a clientes que non ocupaban mesa nas terrazas provocando que se rexistrase máis aglomeracións en distintos puntos da praza.
Os axentes da Policía Local realizaron inspeccións en diversos locais da cidade para comprobar o cumprimento das medidas establecidas polas autoridades sanitarias. Nalgúns casos mesmo chegaron a ser recibidos con apupos, segundo comentan algunhas testemuñas consultadas.
O Conselleiro de Sanidade Julio Comesaña transmitía a preocupación por parte das autoridades sanitarias porque parte da hostalería nesta desescalada non está a cumprir cos requisitos establecidos para que nos locais mantivésense os clientes con seguridade. Advirte que os que incumpren xóganse o peche dos seus locais e tamén dos que están a cumprir as normas.
No interior e no exterior as mesas deben de estar montadas. O 30% das mesas interiores e o 50% das exteriores deben estar habilitadas para garantir o control visual e a distancia de seguridade. Nas terrazas por cada mesa ocupada, debe haber outra desocupada.
O conselleiro pide responsabilidade á hostalería e aos corpos de seguridade que sexan inflexibles cos incumprimentos e redobren os seus esforzos. Tamén á cidadanía reclama que esixan que se cumpran estas medidas. Lembra, ademais, que non se pode fumar nas terrazas.
Relacionadas:
-
RADIO.- Fora máscaras en espazos exteriores, ansias ou prudencia?
Por Marisa Ciordia |
-
Non quere poñerse a máscara e acaba detido por insultar e arremeter contra a policía
Por Redacción |
-
Sanidade reabrirá o próximo luns gran parte da área de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Disolven unha festa con oito persoas e unha delas acaba detida por agredir un policía e un sanitario
Por Alejandro Espiño |
-
Fin de semana de paseos, terrazas, praia, baños esporádicos e menos restricións
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
O inicio da desescalada chega acompañado dun tempo primaveral
Por Isabel Feijóo Gallardo |
-
Haberá inspeccións contínuas nos bares, que poderán ser precintados se incumpren as restricións
Por Alejandro Espiño |
-
As novas restricións en Pontevedra: que podo facer a partir deste venres?
Por Alejandro Espiño |