As choivas volven para quedarse polas Rías Baixas
Segundo os datos de MeteoGalicia, as altas presións para o luns 1 de marzo retiraranse lixeiramente cara ao leste, e a presenza de aire frío nas capas medias e altas da atmosfera aumentará a inestabilidade durante esta xornada. Polo tanto, os ceos estarán parcialmente cubertos con chuvascos ocasionais. As temperaturas descenderán lixeiramente, con mínimas de 7º e máximas de 19º. Os ventos soprarán frouxos de compoñente sur, aumentando a súa intensidade co avance do día.
O martes 2 de marzo persistirá certa inestabilidade atmosférica, polo que o ceo estará baixo alternancia de nubes e claros, con nubes máis compactas na metade sur, sen descartar algúns chuvascos na franxa atlántica. As temperaturas non terán cambios significativos, manteranse entre os 8º e os 17º. O vento soprará frouxo de compoñente sur.
O mércores 3 Galicia estará nunha situación intermedia entre as altas presións, e un centro de baixas presións entre as Azores e Portugal. Así, o ceo estará con nubes de tipo medio e alto que non impedirán o paso do sol. As temperaturas mínimas non terán cambios significativos, manteranse arredor dos 8º, mentres que as máximas ascenderán entre lixeira e moderadamente, puidendo chegar aos 21º. O vento soprará frouxo de dirección variable.
A partir do xoves día 4 de marzo, a presenza de aire frío en capas altas do ceo deixará sobre Galicia inestabilidade atmosférica, con elevada probabilidade de precipitacións en forma de chuvascos treboentos. As temperaturas experimentarán un descenso ao final da semana, quedando as mínimas arredor dos 7º e as máximas sobre os 15º.