Seis obradoiros para mellorar a empregabilidade e o crecemento persoal da mocidade de Pontevedra
Por Redacción & Mónica Patxot
O programa formativo 'Pisando forte', co que o departamento municipal de Xuventude busca "a mellora da empregabilidade e o crecemento persoal" da xente moza de entre 15 e 35 anos de Pontevedra, chega a unha nova edición, nesta ocasión cunha "edición estendida no tempo" ao longo de todo o ano e que, nesta primeira metade de 2021, xa ten unha oferta formativa de seis actividades.
O concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, presentou este luns a nova edición, que chega tan só uns días despois de que o seu departamento presentara 'Xuventude en Rede', unha nova páxina web que oferta formación e entretemento e, sobre todo, "unha nova forma de traballar da área sa xuventude", coa que se reinventan "co obxectivo de mellorar a maneira de comunicar, a maneira de chegar á xente máis moza e de ofrecer formación e entretemento".
Os cursos de 'Pisando forte' van pasar a ocupar o centro do taboleiro na área de Xuventude e buscan, "neste ano tan estraño" mellorar non só a empregabilidade da poboación máis nova, senón tamén "o seu auto coñecemento e intelixencia emocional" á hora de buscar traballo.
Oubiña destaca que son actividades pensadas para unha xeración que, sen chegar aos 35 anos, xa pasou por dúas crises en poucos anos e aqueles que non emigraron non atopan traballo ou téñeno en "condicións precarizadas" a pesar de ser persoas moi formadas.
Os obradoiros son, en principio presenciais, aínda que xa teñen pensadas alternativas para organizalos de xeito telemático en caso de que a situación epidemiolóxica así o requira e todos agás un teñen 15 prazas.
O prazo de inscrición xa está aberto a través de xuventude.pontevedra.gal ou apuntate.pontevedra.gal e terán prioridade as persoas menores de 35 anos e as empadroadas no Concello de Pontevedra, ademais de ter prazas reservadas para persoas con diversidade funcional. En todo caso, Oubiña anima á poboación a anotarse tamén se teñen outros perfís, pois cabe a posibilidade de que quede algunha praza libre e poidan finalmente participar.
Segundo indicou, con esta edición ampliada "queremos diversificar, ampliar e mellorar os coñecementos da xente máis nova" e xa preparan a programación para a segunda metade do ano. Neses meses finais de 2021 centraranse no eido medioambiental, no auto coñecemento e nas habilidades discursivas.
Obradoiros ofertados:
- Intelixencia emocional para os novos tempos. Será presencial, ofértanse 15 prazas e comezará o 10 de marzo. Este obradoiro está orientado a manexar as emocións de xeito positivo, afondando no mundo emocional en momentos de cambio e incertezas.
- Habilidades comunicativas. A túa marca persoal en redes sociais. Será en liña, ofértanse 20 prazas e comezará o 15 de marzo. Ten por obxectivo o correcto manexo das redes sociais e a identificación das máis rendibles no eido da empregabilidade.
- Seguridade informática e sinatura dixital. Será en liña, ofértanse 15 prazas e dará comezo o 22 de marzo. Inclúe módulos relacionados con certificados e sinaturas electrónica e dixital
- Educación ambiental e compostaxe. Será presencial, ofértanse 15 prazas e dará comezo o 15 abril. Está orientado á formación en experiencias de xestión de residuos a través do funcionamento de composteiros.
- Mindset para os novos tempos. Instalando o teu antivirus persoal. Tamén será presencial, con 15 prazas e comezará o 4 de maio. Está deseñado para coñecer o Mindset como filosofía de crecemento persoal e profesional, a través da incorporación de mentalidades abertas cara a contorna.
- Descobre o teu talento. Será presencial, ofértanse 15 prazas e dará comezo o 19 de maio. Estará centrado no desenvolvemento persoal e profesional que permita accións de emprendemento cara ao mundo laboral.
Relacionadas:
-
Regresa a Escola Feminista para a Mocidade, con oito obradoiros de formación, encontro e reflexión colectiva
Por Redacción |
-
Noites Abertas está de volta nun formato en liña pero preparado para volver ás rúas
Por Manu Otero |
-
Pontevedra lanza Xuventude en Rede, unha aposta web pola formación e o entretemento
Por Manu Otero |