Sanxenxo retira todas as estacas da praia de Silgar
Por Redacción
A empresa instaladora das cuadrículas de Silgar comezou este luns á primeira hora da mañá a retirada das estacas e cordas laranxas, as únicas que se mantiñan no areal desde o pasado mes de setembro como símbolo de seguridade sanitaria do municipio.
Un centenar de estacas e varios metros de corda que o Concello utilizará, como xa está a facer co resto das xa retiradas, para a protección de dunas e para a demarcación de carreiros.
O goberno considera que este verán non será necesaria a súa utilización "xa que co proceso de vacinación xa moi avanzado a situación sanitaria mellorará considerablemente". De todos os xeitos, tanto Silgar como o resto de areais do municipio darán este verán un "novo salto cualitativo en canto aos servizos e medidas de seguridade sanitaria".
A limpeza nos baños das praias manterase coa mesma intensidade que o verán pasado, cada hora e media, e haberá un control "exhaustivo" por parte da empresa encargada, segundo garanten desde o Concello.