Detidos dous homes por reter á forza a unha amiga no seu piso e obrigala a contratarlles dúas liñas de teléfono
Por Redacción
Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Marín detiveron nos últimos días dous homes por reter á forza a unha amiga no seu piso e obrigala a contratar ao seu nome dúas liñas de teléfono. Un deles, ademais, tiña denuncias de seis prostitutas ás que contratou e, despois, negouse a pagar de forma violenta.
Os detidos son veciños de Marín de 24 e 34 anos, ambos con antecedentes policiais, e nesta ocasión atribúenselle os delitos de coaccións e detención ilegal. Por ambos os delitos xa prestaron declaración ante o xuíz de garda de Marín e un deles quedou en liberdade, pero o outro ingresou en prisión porque tiña en vigor unha orde de encarceramento dun xulgado de San Sebastián.
Os feitos tiveron lugar en febreiro en Marín. Unha muller denunciou que fora retida en contra da súa vontade por uns amigos nun piso ao que fora de visita e, por mor de aí iniciáronse as pescudas.
Segundo a denuncia presentada, un dos agora detidos presuntamente escondeulle o teléfono e pediulle 800 euros para que llo devolvese. Obrigárona a desprazarse baixo coacción a un caixeiro para retirar esa cantidade, pero a vítima non tiña ese diñeiro dispoñible, de modo que a acompañaron a unha tenda de telefonía móbil e alí a coaccionaron para contratar dúas liñas telefónicas cos seus respectivos terminais.
Unha vez aclarados eses feitos e detidos os dous homes, os axentes pescudaron que un deles tiña seis denuncias doutras tantas mulleres que aseguran que realizaron 'servizos de compañía' para este individuo. As prostitutas desprazábanse desde Vigo a Marín en taxi e, tras realizar os servizos, este home presuntamente ameazábaas cunha chave de parafusos. Nalgún caso, chegou a azuzar ao seu can contra as mulleres.
Ademais negábase a pagar as carreiras dos taxis que trasladaban ás mulleres ao citado domicilio.
A maiores, os policías tiveron constancia de que había varias queixas da veciñanza debida aos constantes problemas que xeraban no resto dos veciños do inmoble.
No momento da detención, ademais, un deles saíu fuxindo á carreira, aínda que os axentes detivérono pouco despois.
O historial delictivoi do principal detido tamén inclúe antecedentes noutras cidades e, no momento da detención, tiña en vigor dous requisitorias xudiciais por ingreso en prisión ditadas por un xulgado de San Sebastián.