Cerdedo-Cotobade aporta 32.000 euros para o segundo Plan de Rescate da Xunta
Por Oskar Viéitez
O Concello de Cerdedo-Cotobade aportará uns 32.000 euros de fondos propios ao segundo Plan de Rescate posto en marcha pola Xunta de Galicia para os hostaleiros e os autónomos, segundo anunciou o alcalde Jorge Cubela, quen sinalou que esta cantidade supón o 50% dos cartos entregados pola administración autonómica ás 36 persoas que se beneficiaron das axudas no pasado mes de novembro.
Jorge Cubela xustificou a decisión de sumar os recursos propios do Concello de Cerdedo-Cotobade aos fondos que vai repartir a Xunta, para "que os nosos hostaleiros e autónomos non teñan que peregrinar de ventanilla en ventanilla e facer farragosos trámites administrativos para acceder ás axudas".
Pola súa banda, Cubela sinalou que o aporte de 32.000 euros de fondos propios do Concello de Cerdedo-Cotobade "supoñen un esforzo importante para as arcas municipais e un xesto de solidariedade de toda a veciñanza coa hostalería".
O alcalde salientou que esa cantidade "vai ser o dobre do que recibamos dun organismo como a Deputación que conta cun remanente de 20 millóns de euros" e á que acusou de "entorpecer e retrasar ao máximo unha medida solidaria da que non se pode nin se debe sacar rédito político algún".
O alcalde de Cerdedo-Cotobade e portavoz provincial do PP na Deputación dixo que "a estreitez de miras" do PSOE de Vigo e o BNG de Pontevedra condenan ao sector da hostalería a unha situación "insostible e indefendible".
Finalmente, Jorge Cubela fixo votos para que se axilicen ao máximo as axudas e, "en moitos casos, deberíase actuar case que de oficio xa que moitos dos beneficiarios deste segundo Plan de Rescate tamén foron obxecto de axudas no primeiro polo que a súa tramitación debería ser case que inmediata".