Políticas e xornalistas, as mulleres que máis insultos reciben nas redes sociais
Por Redacción
Políticas e xornalistas son as mulleres que reciben máis insultos a través das redes sociais, segundo un estudo da Universidade de Vigo realizado no marco da Cátedra Feminismos 4.0, iniciativa na que colabora a Deputación de Pontevedra.
Esta investigación, que se centrou en Twitter, conclúe que esta rede social é un "territorio hostil" para as mulleres, especialmente nos ámbitos con maior proxección pública como a política e a comunicación, segundo unha das súas autoras, Teresa Piñeiro.
Para este estudo, Piñeiro e o seu compañeiro de proxecto, Xabier Martínez Rolán, analizaron as publicacións realizadas por medio centenar de mulleres de recoñecido prestixio para analizar o "sexismo", a "misoxinia" e o "discurso de odio" nesta rede social.
Dos máis de 550.000 mensaxes analizadas, entre publicacións destas mulleres e as interaccións que recibían doutros usuarios, 62.560 contiñan insultos e comentarios ofensivos, na maior parte "só por feito de ser mulleres", explican os seus responsables.
"Os resultados son para preocuparnos como sociedade supostamente avanzada", asegura Martínez Rolán, que lamenta o "sexismo imperante" nas redes sociais onde, ao seu xuízo, está a "normalizarse" este discurso do odio.
Termos como "feminazi", "analfabeta", "falsa", "porca" ou "asquerosa" figuran entre os insultos máis frecuentes, dos cales un 13% tiñan ademais un compoñente "sexista" e o 96% ían dirixidos a mulleres políticas ou xornalistas.
Teresa Piñeiro entende que este comportamento é un intento de "atacar" ás mulleres "que teñen a capacidade de contarnos historias e presentarnos perspectivas diferentes" e crea nos usuarios unha "sensación de impunidade" que considera "perigosa".
A investigación tamén incluíu unha medición dos comportamentos "perxuiciosos" en base ás categorías establecidas na "pirámide do odio" da Liga Antidifamación (ADL).
Das mencións directas a estas mulleres, sinala o estudo, só o 15% foron cualificadas como positivas polos investigadores, fronte ao 61% que foron etiquetadas como negativas.
Unha de cada tres destas mensaxes estaría encadrada, segundo a pirámide da ADL, como "discurso de odio" e dentro delas, o 60% son "comentarios insensibles ou bromas ferintes", mentres que o 40% restante son insultos directos, alcumes ou intentos de ridiculización.
Relacionadas:
-
Crean o observatorio "Stop Machitroles" para combater a violencia machista na rede
Por Redacción |
-
Nace o Comité de Sabias para loitar pola igualdade nos ámbitos científicos e tecnolóxicos
Por María José Pita |
-
Presentan o web da Cátedra de Feminismo, unha ferramenta para fomentar as mulleres científicas e hackear o patriarcado
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A Deputación e a Universidade promoven o feminismo na sociedade dixital
Por Redacción |