Mulleres en Igualdade de Poio homenaxea ás traballadoras dos sectores esenciais durante a pandemia
Por Redacción
Mulleres en Igualdade de Poio (MEI Poio), con motivo da celebración o próximo 8 de marzo do Día Internacional das Mulleres, impulsou a campaña "Este ano máis que nunca o 8 de marzo ten rostro de muller".
Mediante esta acción, MEI Poio quere render homenaxe a todas as mulleres de Poio que "desde los sectores esenciais han conseguido que, durante esta terrible pandemia, tivésemos cubertas todas as nosas necesidades", avanzan desde a asociación nun comunicado.
Durante as últimas xornadas, foron recompilando fotografías das mulleres daqueles sectores que estiveron en primeira liña durante a pandemia "dándonos un exemplo de sacrificio, profesionalidade e xenerosidade".
O primeiro día de marzo está dedicado ao sector da alimentación. Na publicación de facebook de Mulleres en Igualdade de Poio acompañan as fotografías cun texto de agradecemento: "Moitísimas grazas a todas as caixeiras, repoñedoras, servizo de pescaderia, carnicería etc... de todos e cada un dos establecementos de Poio".
Esta campaña culminará o 8 de marzo coa difusión dun vídeo homenaxe ás traballadoras dos sectores esenciais durante a pandemia. "Daremos as grazas a cada un deses sectores poñéndolle rostro de muller e demostrando que somos o motor do mundo", manifestan desde MEI Poio.