Marín prepara a convocatoria dos campamentos de verán con aforo reducido
Por Redacción
O Concello de Marín ultima estes días o plan de conciliación familiar do próximo verán. O obxectivo é recuperar os campamentos de conciliación tanto no centro urbano como no rural aplicando sempre os protocolos específicos para reducir ao máximo o risco de contaxio por covid-19.
"O noso obxectivo é ter todo preparado para abrir unha convocatoria segura, que se axuste ás condicións actuais e que permita ofrecer este servizo de conciliación tan demandado pola cidadanía e que tan ben funcionou sempre, declarou a concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín.
Haberá convocatorias para os meses de xullo e agosto, pero o número de prazas serán inferiores. No caso do Sequelo, por exemplo, o Concello xa ten decidido reducir en 25 prazas o aforo do campamento, que pasarán a ser de 50 participantes por quincena. No caso dos rurais, a cota será de 25.
Outra novidade será a supresión da festa de fin de campamento que se realizaba cada ano o último día de agosto na que se reunían os participantes de todas as quincenas e as súas familias.
Os campamentos desenvolveranse de 9 a 14 horas para nenos e nenas de idades de 3 a 12 anos.