O campus universitario volve ás clases no medio dun cribado con escasa participación
Por Redacción & Mónica Patxot
O campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, como toda a actividade universitaria galega, volveu este luns ás clases presenciais. É un mes máis tarde do calendario académico programado por mor das restricións derivadas da pandemia da covid-19 e, para garantir que o resto do curso poida continuar con seguridade, toda a poboación estudantil está chamada estes días a un cribado masivo. As probas, nembargantes, están a ter en Pontevedra moi pouca participación.
Aínda non hai un balance oficial nin de participación nin do resultado das probas, pero as cifras deste luns xa amosan que, en xeral, a participación está a ser baixa. Dos 3.400 estudantes do campus pontevedrés, 800 estaban citados na mañá deste luns na facultade de Ciencias de Educación e do Deporte para realizar un cribado e tan só 300 asistiron.
Esta escasa asistencia non sentou ben entre o estudantado que si que cre necesarias as probas. É o caso dun grupo de alumnos de último curso de Ciencias Sociais que estes días están en período de prácticas e non teñen clase presencial, pero acudiron ao campus para realizar a fotografía para a orla. "Me parece fatal que haya poca participación", valorou unha delas.
Outra lembra que é "necesario" para poder retomar as clases con normalidade, pero tamén para demostrar a súa responsabilidade, pois "si nos podemos a pedir derechos y que no nos criminalicen a la juventud, esta actitud pasota no nos viene bien".
Este grupo de alumnos e alumnas critica que se culpabilice á xente nova do incremento dos contaxios e dunha actitud pouco responsable, pero tamén recoñece que se o resto dos compañeiros non se están a presentar aos cribados "parece que el problema somos nosotros". Outra estudante engade que "todos queremos salir de fiesta, todos queremos ir a tomar algo y, cuantos más participemos, antes podremos hacerlo".
Ao tempo que critican que é "muy desconsiderado" que o estudantado non participe no cribado "en la situación en la que estamos", tamén quixeron animar a todos eses alumnos a que se sometan as probas.
En Pontevedra, o cribado continuará ata o mércores en horario de 09.00 a 21.00 horas na facultade de Ciencias de Educación e do Deporte. En total, está convocados polo Sergas arredor de 3.400 estudantes. As probas son por vía nasofarínxea e o resultado obtense nuns 15 minutos. Tamén o profesorado e resto de persoal non docente está citado para estas probas.
O regreso ás aulas non foi uniforme en todos os centros do campus pontevedrés. Tal e como explicou o vicerreitor, Jorge Soto, na Radio Galega, nas facultades de Belas Artes e Forestais as clases están a ser todas presenciais, en Ciencias Sociais e da Comunicación teñen clases presenciais en semanas alternas e o resto son en liña, en Fisioterapia é tamén unha actividade académica mixta e en Ciencias da Educación e do Deporte as clases teóricas son todas virtuais e tan só as prácticas son presenciais.
A primeira xornada deste regreso ás aulas foi, segundo Soto, "ben", "tranquila" e confía en que a participación do cribado aumente. Anima ao alumnado a que participe nas probas, que son voluntarias porque "é importante para saber onde estamos e cara onde queremos ir".
De momento, en toda Universidade de Vigo, tan só a Facultade de Fisioterapia do campus pontevedrés solicitou facer un cambio no calendario do curso para poder readaptar horarios e recuperar as clases prácticas presenciais que non se puideron realizar durante estas semanas.
Relacionadas:
-
A Universidade de Vigo comezará o vindeiro curso con clases presenciais na súa totalidade
Por Redacción |
-
As farmacias de Cambados farán un cribado masivo para detectar asintomáticos
Por Redacción |
-
Sanidade convoca a un cribado á poboación de Vilanova de Arousa de 50 a 64 anos
Por Redacción |
-
O cribado feito en Marín revela trece casos positivos de covid 19
Por Redacción |
-
Ningún positivo por covid-19 no cribado dos profesionais sanitarios
Por Redacción & Mónica Patxot |