Cartóns, mochilas e sacos de durmir ante o altar no funeral polas persoas sen fogar en Santa María
Por Redacción
Varias persoas sen teito, un grupo de voluntarios que coordinan o programa 'Tende a túa man' e as presidentas de Cáritas Interparroquial, Conchi Vázquez, e da asociación Boa Vida, Pepa Vázquez, acudían este luns a un acto relixioso singular, o funeral que se desenvolvía na Real Basílicia de Santa María a Maior de Pontevedra en memoria das persoas sen fogar falecidas recentemente na cidade.
Con este acto relixioso queríase facer un chamamento sobre a atención que precisan as persoas que adoitan ser invisibles para a sociedade. Desta forma, os participantes durante esta cerimonia pediron á sociedada a que os trate "como persoas". Ao longo do funeral houbo un recordo cara aos que están sós, sen familia nin amigos e cara a aquelas persoas sen teito que faleceron sen recibir axuda.
Javier Porro, o Consiliario de Cáritas Interparroquial de Pontevedra, reclamaba durante a súa intervención que "ninguén máis morra en soidade". Diante do altar da basílica instaláronse cartóns, mochilas e bolsas para simbolizar o fogar sen paredes das persoas que viven nas rúas da cidade.
Entre estes obxectos atopábase tamén un saco de durmir sobre o que se depositou a imaxe do Neno Jesús, símbolo para lembrar a pasaxe bíblica sobre o seu nacemento nun pesebre sen un fogar propio.