A área sanitaria reforza a súa capacidade de diagnóstico de patoloxías oculares con dous novos equipos
Por Redacción
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés acaba de reforzar a súa capacidade de diagnóstico precoz da dexeneración macular asociada á idade, patoloxía que, segundo o xefe de servizo de Oftalmoloxía, o doutor Eloy Viso Outeiriño, é "a causa principal de diminución da visión en maiores de 55 anos".
En concreto, a área sanitaria dispón de dous novos equipamentos de tomografía de coherencia óptica -OCT- para o diagnóstico precoz da dexeneración macular como resultado dun convenio de colaboración asinado con Novartis.
Estes dous novos equipos de tomografía de coherencia óptica -OCT- están instalados no centro de especialidades da Casa do Mar de Mollabao de Pontevedra e no Hospital do Salnés.
Segundo explicou a área sanitaria a través dun comunicado, os equipos facilitan o diagnóstico precoz da dexeneración macular asociada á idade e permiten ampliar o circuíto de alta resolución utilizado para o manexo desta patoloxía ocular.
O doutor Eloy Viso explica que a gran presión asistencial que supón o manexo desta enfermidade e doutras patoloxías asociadas ao edema macular "supón un reto importante" na área sanitaria, sobre todo na actual pandemia, "non só pola súa alta prevalencia senón tamén pola complexidade do seu tratamento, que precisa inxeccións intravítreas de diversos fármacos precoz e continuadamente".
A ferramenta fundamental para levar a cabo o diagnóstico e o seguimento dos casos de dexeneración macular asociada á idade é a tomografía de coherencia óptica. Con estes dous novos equipos consolídanse os circuítos de alta resolución, nos cales un oftalmólogo revisa as probas e explora ao paciente, mentres que outro asistido por persoal de Enfermaría administra os fármacos. Deste xeito, axilízanse as consultas, reducindo os fluxos de pacientes e profesionais, dinamizando así mesmo as aplicacións de tratamentos oftalmolóxicos á poboación.