As escolas infantís de Vilaboa redobran a súa aposta por unha contorna natural na apertura do proceso de admisión
Por Redacción
Os centros educativos de Vilaboa inician o proceso de prematriculación e admisión para o próximo curso e as escolas de Educación Infantil do CPI do Toural e o CRA de Vilaboa, que conta con centros en Barciela, Bértola, Figueirido, Paredes e Pousada; prepáranse para recibir ao alumnado nado no 2018 co obxectivo de manter o cociente de 12 alumnos por aula rexistrada no pasado curso.
As directivas de ambos os centros defenden as vantaxes dunha educación no medio rural cun enfoque multinivel e vivencial, que permite unha interrelación permanente entre o alumnado e unha formación baseada no respecto e o fomento da autoestima convertendo aos alumnos no centro dun proceso educativo inclusivo e igualitario cun concepto no que os espazos exteriores son unha prolongación das aulas.
A contorna no que se sitúan as escolas infantís permite tamén que a natureza e as actividades ao aire libre sexan dous acenos de identidade nestes centros de Vilaboa que en tempos de pandemia evidenciaron as vantaxes de educación no rural.
O CPI do Toural reformou recentemente as súas dúas aulas de infantil e oferta tamén para os alumnos deste ciclo os servizos complementarios de transporte e comedor escolar, mentres que as escolas do CRA adaptáronse aos protocolos sanitarios sen descoidar o ambiente familiar que as caracteriza.
O alcalde de Vilaboa, César Poza, destaca a gran importancia que ten para o alumnado do municipio dispoñer de sete aulas de Educación Infantil no municipio situadas en contornas naturais que permitan aos alumnos non renunciar ás relacións sociais en tempos de pandemia e destaca o labor pedagóxico e educativo do equipo de profesionais que exerce a docencia en Vilaboa.