O cruceiro de Casas Novas estreará novo emprazamento nos próximos días
Por Redacción
Case catro anos despois o lugar de Casas Novas, en Mourente, vai a recuperar o seu cruceiro, que fora danado nun accidente de tráfico. Xa comezaron os traballos para repoñer este elemento patrimonial que estreará un novo emprazamento.
Tras recibir a autorización de Patrimonio para cambiar o cruceiro de sitio, o goberno municipal chegou a un acordo cun veciño que cedeu parte dunha finca particular, situada a uns metros da localización orixinal, para instalalo de novo.
Unha brigada municipal, que está levando a cabo parte destes traballos, vén de retirar a rocha que servía de base ao cruceiro da beirarrúa na que estaba situada, deixando o espazo arranxado e creando un itinerario peonil máis accesible e seguro.
Nestes momentos, están acondicionando a finca na que se instalará o cruceiro que, á súa vez, está sendo restaurado por parte dunha empresa especializada en traballos arqueolóxicos.
O novo emprazamento do cruceiro, consensuado coa asociación de veciños, está nun lugar máis afastado da estrada, para evitar novos percances e garantir a súa correcta conservación.
A reposición do cruceiro de Casas Novas vén sumarse á rehabilitación do cruceiro do adro da igrexa tamén na parroquia de Mourente, que se levara a cabo no outono de 2019.
Neste caso, tamén se recuperara a rasante orixinaria do cruceiro, isto é, os tres chanzos da base, xa que o primeiro dos chanzos permanecía enterrado pola capa de asfalto do adro.
Relacionadas:
-
Restaurado o cruceiro de Casas Novas e colocado na nova ubicación
Por Redacción |
-
Esnaquizan un cruceiro en Madrid realizado por canteiros pontevedreses
Por María José Pita |
-
A Concellería de Patrimonio restaurará o Cruceiro das cinco rúas pintado con rotulador
Por Oskar Viéitez |
-
O cruceiro de Casas Novas, retirado e pendente de restauración tras sufrir o impacto dun coche
Por Redacción |