Caldas promove un viveiro de páxinas web para dixitalizar a hostalería e o comercio local
Por Redacción
O Concello de Caldas presentou este martes o proxecto de creación dun viveiro de páxinas web para as empresas de hostalería e comercio co obxectivo de converter Caldas nunha vila comercial e turística máis dixitalizada e conectada, incentivando a promoción dixital dos negocios locais.
A iniciativa parte da Asociación de Hostalería de Caldas e do empresario caldense Jesús Fariña quen a través da empresa Chekin Galicia Soluciones xa desenvolveu unha aplicación denominada Chekin que facilita o rexistro dixital en máis de 10.000 establecementos de aloxamento en toda España, e tamén xa noutros países como Italia ou Portugal.
O obxectivo deste novo proxecto é facilitar ás empresas locais que dispoñan da súa propia páxina web que lles permita ter un escaparate aberto 24 horas, incrementando a súa competitividade e modernización. Ao mesmo tempo preténdese xerar sinerxias entre todos os establecementos que formen parte deste viveiro, co conxunto de establecementos do municipio e co propio Concello.
Este proxecto recibiu este martes o visto e prace do goberno local durante a reunión periódica que o Concello mantén coa Asociación de Hostalería de Caldas para estudar o impulso e a reactivación do sector ante a actual crise sanitaria.
Neste sentido estudáronse tamén os criterios principais da distribución das axudas directas ás empresas do sector que sumarán máis do 1% do orzamento municipal e que se incrementará co financiamento aprobado pola Deputación de Pontevedra, ata superar os 100.000 euros.
O concelleiro de Comercio, Jacobo Pérez, destacou que as reunións continuas coa Asociación de Hostalería e tamén co Centro Comercial Aberto "seguen dando os seus froitos con proxectos concretos para reactivar a economía local e facilitar a situación das empresas con medidas como as axudas directas, a supresión da taxa de terrazas ou o plan de continxencia para os dous sectores".
O alcalde, Juan Manuel Rey, sinalou que esta iniciativa da hostalería local complementará os proxectos municipais para desenvolver a promoción dixital de Caldas e a dixitalización como destino turístico intelixente prevista polo proxecto europeo Tourist Inside Rías Baixas da Deputación e do organismo estatal Red.es co financiamento da Unión Europea, que tamén previu un investimento importante en Caldas de Reis.