Medio quilómetro da estrada vella a Marín, en Estribela, será rehabilitado de xeito integral
Por Alejandro Espiño
A situación de evidente abandono que sofre a PO-546, a coñecida como estrada vella de Pontevedra a Marín, foi analizada este mércores no Parlamento galego. Foi por mor dunha pregunta presentada pola deputada socialista Paloma Castro.
En concreto, Castro preguntou ao goberno galego se ten previsto realizar algunha actuación nesta estrada durante 2021 e se, entre outras cuestións, considera que este vial cumpre cos parámetros obrigados de seguridade viaria, mantemento e accesibilidade.
A deputada lembrou na súa intervención que a PO-546 está nunhas condicións "lamentables" co firme o mal estado, fochancas, liñas esvaecidas, falta de iluminación, zonas sen beirarrúas, maleza nas cunetas ou curvas con visibilidade escasa.
Todo iso, asegurou, é debido ao "desleixo" da Xunta de Galicia con esta estrada da súa competencia e ante o que os veciños, engadiu, "están fartos e xa non aguantan máis".
Desde o goberno galego, en resposta a esta petición, anunciaron que arranxarán un tramo duns 500 metros desta PO-546 á altura de Estribela. Trátase, en concreto, do tramo comprendido entre os puntos quilométricos 4+430 e 4+980.
O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, explicou que os técnicos do seu departamento xa están a redactar o proxecto de acondicionamento, no que se prevé investir un millón de euros. Estará deseñado a mediados de 2021.
Esta actuación incluirá expropiacións para poder ampliar o ancho da estrada nunha zona onde, segundo Menéndez, é "especialmente complicado" ante a configuración do vial, con beirarrúas moi estreitas entre edificacións e grandes desniveis.
A este respecto avanzou de ademais de ampliar as beirarrúas e o ancho da calzada tamén se terán que reforzar as estruturas que soportan o peso desta estrada.
A intervención da Xunta na PO-546 limitarase, por agora, a esta primeira fase. O responsable da Axencia Galega de Infraestruturas insistiu en que esta estrada debería ser traspasada ao Concello de Pontevedra ao ter un trazado "case urbano".
Coa mobilidade garantida pola PO-10, a PO-11 e a AP-9, segundo Menéndez, este vial "está máis próximo a ser unha rúa" se non fora polo tráfico industrial a Ence, para o que insistiu en que o "lóxico" sería habilitar unha entrada pola autovía de Marín.
Por iso é polo que animase ao executivo pontevedrés a iniciar os trámites para a transferencia da PO-546, do mesmo xeito que se fixo co primeiro tramo ata Mollavao ou con todo o seu trazado por Marín, que tamén é de titularidade municipal.
Relacionadas:
-
A primeira fase da mellora da estrada vella de Marín suporá expropiar 12 fincas e poderá estar en obras en 2022
Por Natalia Puga |
-
Estudan alternativas para reformar a PO-546 entre Mollavao e Praceres
Por Redacción |
-
A reforma da PO-546 en Estribela custará preto de 900.000 euros
Por Redacción |
-
Clamor en Estribela tras o atropelo mortal: "Isto víase vir. En calquera momento ía pasar"
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra, disposta a asumir a PO-546 se a Xunta antes a reforma por completo
Por Alejandro Espiño |
-
Os socialistas levan ao Parlamento a situación "lamentable" da estrada vella de Marín
Por Redacción |
-
Esixen á Xunta o arranxo "inmediato" da estrada vella a Marín por estar "obsoleta"
Por Alejandro Espiño |