As rúas da contorna de Fexdega estrean unha completa transformación
Por Redacción
O conxunto de rúas que bordea o recinto feiral de Fexdega, no núcleo urbano de Vilagarcía, loce unha completa transformación grazas as obras de reforma integral realizada ao abeiro do Plan DepoRemse da Deputación.
Estes traballos, cun investimento de preto de 270.000 euros, permitiron humanizar e mellorar as condicións de comodidade e seguridade das rúas Limoeiro, Figueira e Nogueira, tanto para o paso de peóns como para a circulación viaria.
Do orzamento total destas obras a Deputación aportou o 80% e o Concello o 20% restante con fondos propios.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, visitaron este mércores esta obra feita baixo os parámetros de mobilidade sostible da administración provincial, cuxos obxectivos principais eran mellorar a accesibilidade e seguridade das persoas.
Para iso ampliáronse as beirarrúas ata os tres metros na maior parte do viario e se instalaron pasos de peóns sobreelevados, dotados de iluminación específica, así se dispuxo un novo pavimento e se realizou o soterramento das canalizacións e redes de servizos e a substitución ou ampliación das que se atopaban en mal estado. Así mesmo, tamén se mellorou a sinalización.
Carmela Silva incidiu en que "o que era o patio traseiro de Fexdega, nunhas condicións intolerables, se ten convertido agora nun patio de luz, extraordinario, cun tratamento que deixa ás claras que as persoas son o centro da acción".
Pola súa banda, o alcalde Alberto Varela insistiu en que "os que somos de aquí sabiamos como eran estas rúas: sen accesibilidade, cunha capa de rodadura diferente, con problemas de saneamento... era unha contorna que non se merecían nin as vivendas que estaban aquí nin o entorno de Fexdega".
Carmela Silva e Alberto Varela subliñaron tamén que a Deputación é a administración que máis está a investir en Vilagarcía. A presidenta dixo que seguirá a sumar iniciativas tralo Plan Reequilibrio e o DepoRemse para acadar "unha transformación total da provincia".
Nese senso, a presidenta fixo un chamamento ao conxunto das administracións "para que invistan nesta provincia e en Vilagarcía, que ten unha enorme potencialidade de futuro. Pero para que se convertan as potencialidades en realidades hai que investir".