ENCE paraliza todos os seus investimentos en Pontevedra ata resolver o seu futuro
Por Redacción
Ence decidiu conxelar os investimentos recollidos no seu plan industrial para a súa fábrica en Pontevedra, valorados en case 400 millóns de euros, para que se resolva a súa situación xurídica e legal.
A través dun comunicado, a compañía asegura que investirá ese diñeiro "se pode seguir operando" en Pontevedra, unha cuestión sobre a que se debe pronunciar a Audiencia Nacional ante o recurso presentado contra a prórroga concedida ata 2073 polo Goberno anterior.
Ademais, a tramitación da nova lei de cambio climático, que limita a permanencia en terreos de dominio público marítimo-terrestre a un prazo máximo de 75 anos, obrigaría a Ence a marcharse en 2033, se se mantén o carácter retroactivo recolleito no borrador.
Ante esta situación, Ence reitera que ten "grandes plans" de crecemento, expansión e excelencia ambiental depositados no complexo industrial pontevedrés, unha das dúas únicas plantas de celulosa en Europa cuxo proceso produtivo está libre do uso de cloro.
A empresa engade que os investimentos previstos para mellorar a súa eficiencia, o aforro de auga ou a súa calidade ambiental manteranse unicamente se pode continuar operando nesta planta de Pontevedra ata 2073, a data recollida na prórroga que recibiu en 2016.
Deses 395 millóns de euros, segundo traslada a compañía pasteira, preto de 105 investiríanse nun prazo máximo de catro anos, mentres que os 290 millóns restantes iríanse gastando de maneira paulatina ao longo do período de explotación.
As actuacións previstas inclúen melloras en todas as etapas de produción, entre elas o parque de madeiras, a fabricación da pasta de papel, a caldeira de biomasa e de recuperación, os fornos de cal, o ciclo da auga ou a redución das emisións atmosféricas.
Ence, que lembra que desde a concesión da prórroga xa se investiron outros 132 millóns, insiste en que a súa "prioridade" é manter a actividade, o emprego e os investimentos en Pontevedra, pero aclara que para iso "necesitamos seguridade xurídica".
Relacionadas:
-
Cada ano chegan ao porto de Marín unha media de 100 barcos para cargar pasta de papel
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta reclama ao Goberno "non crear máis inquedanza" ás industrias que hai na costa
Por Alejandro Espiño |
-
"Xa os sufrimos 60 anos", di Lores sobre ENCE, "e xa é hora de que se vaian" para recuperar a ría
Por Alejandro Espiño |
-
Rafa Domínguez, sobre a posible marcha de Ence: "Pontevedra va en camino de convertirse en el nuevo Ferrol"
Por Oskar Viéitez |
-
O comité de empresa de Ence recoñece que a Xunta e a empresa "están a mirar cara outro lado" e pide implicación ao Goberno estatal
Por Redacción |