O persoal das residencias da Xunta suma 32 xornadas de mobilizacións
Por Redacción
Este xoves tivo lugar unha nova xornada de mobilizacións, e xa van 32, na que o persoal dos centros residenciais de atención directa de Política Social e do Consorcio, denuncian, co apoio de CCOO e UGT, a situación de deterioro dos servizos públicos sociais, dependentes da Consellería de Política Social.
O coordinadores do sector de Administración Autonómica de Comisións Obreiras, Emilio Doforno e de UGT, Lino Díaz explicaron que "a Xunta en aras dunha política de recortes levada adiante dende o ano 2012, estivo a aplicar un brutal recorte sobre os dereitos recoñecidos ao seu persoal", reducindo á Relación de Postos de Traballo, amortizando postos, "que co tempo se ten demostrado que eran moi necesarios para facer fronte a situacións como a actual".
Aseguran que o resultado desa política de "austericidio restritivo" colocou ao persoal en situación de "sobresaturación", que levou consigo o aumento os accidentes de traballo e baixas por enfermidade profesional. Segundo os sindicatos, a Consellería de Política Social é a que máis accidentes de traballo acumula toda a Xunta.
CCOO e UGT afirman que a consellería de Política Social e os seus órganos máximos de persoal "non son capaces de homoxeneizar, case un ano despois do inicio da pandemia, unha política de persoal coherente e uniforme que permita atender ás necesidades que esta situación require".
"As improvisacións e falta de coherencia leva a que reine a descoordinación de criterios", engaden.
Ante esta situación UGT e CCOO continuan a manifestarse todos os xoves co fin de que os conselleiros de Política Social e de Facenda, atendan ás súas reivindicacións.
Relacionadas:
-
As protestas pola precariedade laboral dos traballadores de Política Social cumpren 30 semanas
Por Redacción |
-
“Que esta pandemia non sirva para minorar os dereitos dos traballadores, senón para dignificalos"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Continúan as protestas do persoal de Política Social para conseguir mellores condicións de traballo
Por Redacción |