Mulleres Diversas visibiliza nun vídeo a dobre discriminación que sofren
Por Redacción
O grupo de Mulleres Diversas da Asociación Amizade fai un chamamento á sociedade con motivo do 8M para que se teña en conta ás mulleres con discapacidade.
A través dun vídeo, este colectivo quere seguir reivindicando a igualdade para todas as persoas, dando visibilidade á dobre discriminación que viven as súas integrantes: por seren mulleres e por sufrir unha discapacidade.
Estas circunstancias tradúcense nunha taxa superior de desemprego con respecto ás mulleres sen discapacidade e maior precariedade laboral, a miúdo con contratos a tempo parcial.
Tamén o aspecto afectivo e relacional vese influenciado cunha discriminación á hora de ser nais ou gozar da sexualidade con liberdade, máis illamento e unha invisibilización de cara á sociedade.
Por estes motivos, dende Mulleres Diversas explican a importancia do vídeo, no que en apenas minuto e medio se "visibiliza a nosa realidade diaria, desde as barreiras que podemos atopar ao acudir a unha consulta xinecolóxica ata que nin se dirixan a nós para facernos calquera sinxela consulta".