Portos de Galicia agarda iniciar a rexeneración da praia da Pescadoira no segundo semestre do ano
Por Oskar Viéitez
A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, está a traballar para executar este mesmo ano a rexeneración da praia da Pescadoira, en Bueu, un proxecto que se prevé licitar proximamente co obxectivo de iniciar os traballos no segundo semestre do ano.
Esta actuación suporá un investimento de 94.000 euros.
Esta foi unha das accións analizadas este xoves na visita a Bueu do delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López.
O delegado territorial acompañado do alcalde de Bueu, Félix Juncal, visitou a confraría de pescadores da localidade, onde foron recibidos polo patrón maior, José Manuel Rosas con quen fixeron un percorrido para coñecer as instalacións da lonxa, así como os principais procesos de tratamento da pesca e as súas artes mariñeiras.
Luis López tamén explicou que outro dos proxectos da Consellería do Mar é a mellora da accesibilidade peonil para o embarque de pasaxeiros no peirao de Bueu, no que se pretende facer unha reordenación do solo portuario na zona de acceso dos peóns aos peiraos de pasaxe, reforzando así a súa seguridade. Esta actuación que se complementaría coa instalación dunha marquesiña por parte do executivo municipal.
Na visita, na que tamén estiveron presentes o concelleiro de urbanismo, a voceira do PP municipal e a xefa territorial de Mar, salientouse o enorme potencial da lonxa bueuesa, que nos últimos anos levou a cabo actuacións de mellora e informatización, converténdose nunha "lonxa punteira, por ser capaz de adaptarse aos novos tempos e cumprir con certas normativas europeas", tal e como destacou Rosas, que tamén é presidente da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra.
Así mesmo, unha gran parte da conversa centrouse no polbo, considerado o produto estrela da vila morracense, que conta cun importante número de embarcacións dedicadas á súa captura e que no pasado ano tiveron unha campaña nefasta, debido á escaseza do produto.
O goberno galego vén de conceder unha axuda de 17.500 euros á entidade para modernización de infraestruturas. Na última década investiu máis de 10 millóns de euros en accións pesqueiras e marítimas no Concello de Bueu.
Entre as iniciativas desenvolvidas destacan as achegas para acuicultura e transformación, as compensacións por paralización ou os investimentos en buques e na ordenación e xestión dos recursos mariños, así como en infraestruturas e equipamentos para a clasificadora da lonxa, o estaleiro do Purro, os procesos de automatización, as cabanas mariñeiras de Cabo Udra, Pescatrans, a fábrica de xeo ou a zona de poxa, entre outras.