
© Concello de Pontevedra
Estudarán incluír unha área para xogos tradicionais na futura reforma da praza de Barcelos

Por Redacción

© Concello de Pontevedra
O concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez, mantivo unha xuntanza en liña con preto de medio cento de veciños da praza de Barcelos para poñer en común os aspectos básicos da reforma deste espazo.
Demetrio Gómez amosou a través de planos e infografías como quedaría a praza tras a reforma, explicando como se contemplan as zonas destinadas a diferentes usos como xogos infantís, pistas deportivas, zona de patio para o centro educativo, zonas de sombra, itinerarios peonís e o sentido da circulación rodada.
Por parte da veciñanza, as principais dúbidas formuladas xiraron ao redor da renovación de servizos que, ao igual que en todos os proxectos de reforma desenvolvidos polo goberno local, nesta actuación tamén está contemplada.
Outras cuestións que se presentaron facían alusión aos distintos tipos de materiais que se empregarán, as dimensións dos diferentes espazos dentro da praza tras a reforma e as posibilidades de uso por parte de públicos con distintas tipoloxías.
Entre as achegas veciñais que xurdiron no transcurso da asemblea, tomouse nota da posibilidade de destinar algunha área a algún tipo de xogo tradicional como a chave, a pentanca ou a ra, ou a necesidade de corrixir en obra distintos niveis de altura nas entradas a garaxes.
En todo caso, o concelleiro de Obras Urbanas convidou á veciñanza a mirar polo miúdo o proxecto na web do Concello e trasladar, pola mesma canle, as suxestións que vexan pertinentes co obxecto de estudalas e, no caso que proceda, incorporalas ao proxecto de execución.
O proxecto básico de reforma da praza de Barcelos contempla un orzamento para esta intervención de 5.792.987 euros e implica unha nova distribución tanto dos espazos da praza como da circulación perimetral de cara a favorecer a actividade comercial.
As áreas infantís quedarán situadas cara a unha zona máis central da praza e duplícase o espazo dedicado a este uso, establecendo dúas zonas de xogos. Tamén se cambia de ubicación e se incrementa o espazo dedicado a usos deportivos que, ademais das pistas, contemplan mesas para a práctica de tenis de mesa, ao tempo que se incrementan as zonas de sombra e as zonas verdes, coa instalación dunha pérgola central e o redeseño das áreas arboradas.
Así mesmo, para favorecer os usos comerciais dos negocios situados no perímetro da praza, redeséñase toda a circulación perimetral da praza, coa ampliación das beirarrúas para favorecer o tránsito de persoas e a ampliación das terrazas dos establecementos hostaleiros. En canto aos aparcadoiros de servizos, quedarán colocados na beirarrúa oposta á que linda co negocio para interferir o menos posible na súa actividade.
Para a circulación do tráfico, manterase un único carril con entrada desde a rúa Perfecto Feijoo e saída cara a rúa Cobián Roffignac. Manteranse as actuais entradas e saídas do aparcamento soterrado e desaparecerá a circulación desde a rúa Benito Corbal cara a rúa San Antoniño.
Relacionadas:
-
O transformador de Barcelos cambiará de sitio coa reforma perimetral da praza
Por Alejandro Espiño |
-
A reforma de Barcelos comezará polo vial de circulación perimetral
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello cita os veciños de Barcelos a unha reunión en liña para explicar a reforma da praza
Por Redacción |
-
O sector comercial analiza co concelleiro o proxecto de reforma da praza de Barcelos
Por Redacción |
-
O Concello traslada a Amizade os detalles da reforma urbana de Barcelos e a rúa Santiña
Por Redacción |
-
A reforma da praza de Barcelos rozará os 6 millóns de euros
Por Alejandro Espiño |