O Comité de Empresa denuncia "abusos" por parte da Dirección da Residencia de Maiores de Campolongo
Por Oskar Viéitez
O Comité de Empresa do persoal laboral dependente da Xefatura Territorial de Política Social de Pontevedra protagonizou este venres unha concentración de protesta para denunciar publicamente a "nefasta xestión de persoal por parte da Dirección da Residencia de Maiores de Campolongo".
A secretaria deste Comité de Empresa, Dina Porral centrou estas críticas en que a pesar do reforzo do persoal durante a pandemia, "a mala xestión, fixo que se xeraran días a maiores". A isto engade que "hai unha falta de diálogo constante entre a Dirección e o persoal ou a súa representación".
Segundo explicou, "nas reunións que houbo co Comité a directora non escoita, está sempre á defensiva e intentando xustificarse".
Dina Porral afirma que esta situación "está a converter o traballo diario nunha ditadura de ordeno e mando".
Presentadas as oportunas queixas á Xefatura Territorial e a Secretaría Xeral Técnica, Dina Porral asegura que "pouco ou nada se fixo sobre o tema". Ao seu xuízo "parecía que o Covid era unha barra libre para facer e desfacer na xestión de persoal e todo estaba permitido".