A venda de madeira mantivo a mesma facturación no 2020 a pesares da crise
O monte en Galicia demostra ser unha vez máis un sector resistente ás cíclicas crises. Na provincia de Pontevedra, os propietarios forestais ingresaron no 2020 arredor de 25,9 millóns de euros polas vendas de madeira, segundo as estimacións da Asociación Forestal de Galicia, en base ós datos de contas da Consellería do Medio Rural.
Os primeiros meses de confinamento ralentizaron a actividade de toda a cadea de madeira pero fóra deste período mantívose no 2020 a xestión do monte dun xeito similar a outros exercicios, continuando cos traballos silvícolas, accións de prevención de lumes, plantacións e cortas habituais.
O distrito forestal de Caldas – Salnés é o que aglutina na provincia unha maior facturación para os propietarios por venda de madeira, cun total que acende a 9,4 millóns de euros. Do mesmo xeito que lidera tamén os ingresos por cortas de eucalipto, cunha cifra total de 7,5 millóns de euros.
A nivel de toda a comunidade, en cortas, destacaron como é habitual o eucalipto, cun 58% das cortas e os piñeiros, cun 39% das cortas totais. En canto ás frondosas caducifolias, supuxeron menos dun 3% das cortas comerciais de Galicia, polo que non é posible precisar datos fiables da facturación que xeraron, pois ademais, presentan diversidade de especies e calidades.
Máis alá do seu escaso valor comercial, comunidades de montes e propietarios particulares son parte protagonista da conservación das máis de 400.000 hectáreas de frondosas caducifolias en Galicia, contribuíndo así á conservación da biodiversidade e ós usos sociais destas masas.