Sanxenxo reforzará o seu persoal con 39 novos traballadores durante os próximos meses
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo reforzará o seu persoal municipal durante este ano con 35 peóns e catro auxiliares administrativos a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. O custo total desta contratación ascenderá a 266.620 euros, dos que a administración local achega 6.531 euros.
O obxectivo do goberno é que algúns dos contratos comecen o próximo mes de abril e prolongar este reforzo ata decembro.
Como a contratación será por seis meses só nos meses de xullo, agosto e setembro estarán os 39 empregados en activo debido á importante carga de traballo e esforzo municipal que se rexistra na tempada alta.
Os operarios que se contraten distribuiranse entre os departamentos de obras e servizos, parques e xardíns e na área municipal de limpeza de espazos públicos. Outro dos departamentos que se verán reforzados será o de limpeza de praias. Con 17 praias de bandeira azul este departamento cobra especial relevancia en Sanxenxo.
O goberno local prioriza este servizo coa organización de cuadrillas durante o verán establecendo quendas e limpezas de areais durante todos os días da semana con reforzo a fin de semana. Este departamento tamén se encarga do mantemento das dunas de Portonovo e da Lanzada.
A limpeza de areais, aínda que no verán é intensiva, non é exclusiva da tempada estival, xa que durante o inverno tamén se acondicionan as praias polo que é preciso tamén contar cunha cuadrilla que se encargue destas tarefas.
Os catro auxiliares administrativos que se incorporarán ao persoal municipal reforzarán os traballos nas distintas áreas municipais como Secretaría, Catastro ou Recadación.
O plan de emprego, incluído na liña 3 do Plan Concellos, é unha medida que permite a contratación de persoas desempregadas, que non estean a recibir prestacións e poidan ter así unha oportunidade de adquirir experiencia laboral que facilite a súa futura inserción no mercado de traballo.