A conexión da Vía Rápida do Salnés coa PO-504 en Sanxenxo desdoblarase tras o verán
Por Redacción
A Plataforma de Contratos de Galicia saca este luns a licitación as obras de mellora da conexión da vía rápida do Salnés coa estrada PO-504 en Sanxenxo coa fin de mellorar a fluidez do tráfico e reducir os atascos do verán.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, presentou esta nova actuación da Xunta no municipio, que tendo en conta as expropiacións, o investimento da Xunta elévase ata os 335.000 euros.
As empresas interesadas en levar a cabo estes traballos teñen de prazo para presentar as súas ofertas ata o vindeiro 5 de abril. O obxectivo da Xunta é poder iniciar as obras despois do verán.
Segundo precisou Ethel Vázquez Mourelle, trátase de actuar nunha zona na que actualmente os vehículos que veñen do Grove e da Lanzada e saen da vía rápida en Sanxenxo, acceden ao enlace coa estrada PO-504 a través dun ramal que ten moi pouco radio de xiro e regulado por un stop.
Iso provoca que, nas xornadas de moito tráfico procedente das praias, se xeran retencións que, en ocasións, chegan ata o tronco da vía rápida e dificultan a circulación. Para evitar este problema, a Xunta prevé optimizar a conexión dese ramal de saída ao enlace coa PO-504. Para iso, construirase un novo ramal de saída, cun radio de xiro axeitado, que vai substituír o actual e vai permitir eliminar o stop.
Ademais, ampliarase a plataforma da estrada entre as glorietas do enlace de Sanxenxo e da PO-504 e habilitarase un carril de acceso directo adicional.
As obras complementaranse con outras actuacións de reforzo da seguridade viaria, como a recolocación dos báculos de iluminación, a renovación da sinalización e a colocación de balizas de separación dos sentidos no ramal entre glorietas.
A conselleira de Infraestruturas destacou que esta conexión da vía rápida coa estrada que vai a Sanxenxo permitirá gañar en capacidade, o que suporá unha mellora considerable do fluxo de tráfico nesta zona de gran atractivo turístico.
O alcalde, Telmo Martín, xunto á tenente de alcalde, María Deza, agradeceu a Vázquez a "iniciativa" dunha obra que "solucionará o caos que se produce en determinados momentos do día na tempada alta coicidindo coas viaxes ás praias". Na mesma liña, destacou que se trata dunha actuación "importantísima aínda que poida parecer unha obra pequena" e pediu que se iniciasen os traballos tras o verán para "non interferir na tempada estival"
AMPLIACIÓN DA VÍA RÁPIDA
Ethel Vázquez indicou que a actuación prevé levarse a cabo de forma compatible e paralela dunha solución para a ampliación da vía rápida do Salnés, de modo acorde coa imprescindible preservación dos valores ambientais do ámbito.
A este respecto lembrou que se trata dunha das zonas de Europa que concentra máis figuras de protección ambiental e que a lexislación actual dificulta e limita as posibilidades de actuación sobre o territorio.
A titular de Infraestruturas sinalou que a Xunta continúa traballando co obxectivo de atopar unha fórmula axeitada para acometer a ampliación, dentro do compromiso coa mellora das comunicacións e da seguridade viaria do Salnés.
Puxo como exemplo deste compromiso os máis de 10,5 millóns de euros investidos na transformación da vía PO-308 nunha estrada segura para peóns e condutores. Avanzou, ademais, que esta aposta da Xunta terá continuidade con outro proxecto de mellora da seguridade viaria e da accesibilidade na PO-504, que suporá un investimento de un millón de euros.
Relacionadas:
-
Máis de 2,3 millóns para humanizar o paso da PO-308 polo núcleo urbano de Portonovo
Por Redacción |
-
Unha ducia de empresas poxan por reformar a saída da vía rápida do Salnés cara a Sanxenxo
Por Redacción |
-
Infraestruturas aproba a mellora da ligazón da VG-4.1 coa PO-504 en Sanxenxo
Por Redacción |
-
Unha persoa resulta ferida nunha saída de vía en Aios
Por Redacción |