Denuncian verteduras ilegais no Camiño Portugués procedentes de obras
Por Redacción
Representantes do Partido Popular de Barro e residentes no lugar de San Amaro alertaron da presenza de verteduras ilegais na zona do Camiño Portugués na zona de Cárcere, entre a vía do tren e o tramo por onde transcorre o roteiro do Camiño a Santiago.
Denuncian que se trata dunha vertedura de restos de obras en plena contorna natural protexido. Segundo os populares, a veciñanza sospeita que esta acción procede dunha empresa que desenvolve, durante estes días, os traballos de creación de beirarrúas na estrada situada na zona de San Amaro.
Segundo afirman os residentes nesta contorna, nos últimos días viron vehículos de obras que trasladaban restos polo Camiño Portugués. O Partido Popular mostra a súa preocupación ante estes feitos e denuncia a pasividade e a falta de control do goberno municipal ante unhas accións ilegais que se producen nas proximidades do Roteiro Xacobeo e preto da futura Vía Verde que se quere poñer en marcha.
Desde o PP de Barro afirman que, se desde o Concello de Barro non se actúa, denunciarán os feitos diante das autoridades correspondentes ao entender que se trata dun delito ambiental.