Suprímense as sesións de última hora da tarde na edición semipresencial da Semana Galega de Filosofía 2021
Por Anxo Lourido
A partir do luns 5 de abril ata o 9 dese mesmo mes, a Semana Galega de Filosofía volverá encher de análise crítica a cidade coa 37 edición deste evento que manterá a mesma temática que estaba prevista para 2020, 'Filosofía e Civilización Dixital'. A anterior edición suspendérase debido á pandemia.
Este mércores, o presidente da Aula Castelao Alexandre Cendón acompañado por Ana Regueira, anterior responsable da organización da Semana Galega de Filosofía, mantiña un encontro con Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, e con Carmen Fouces, concelleira de Cultura.
Este ano está previsto que se celebre en formato semipresencial, de forma que o público poida seguir as sesións tanto en liña como desde as butacas do Teatro Principal, adaptándose á capacidade da sala,
Precisamente a civilización dixital, segundo o alcalde e Alexandre Cendón, é un tema de total actualidade debido aos cambios de conduta a que obrigou a pandemia. O presidente da Aula Castelao sinalou que tanto o teletraballo como as comunicacións a distancia tomou un importante impulso durante o último ano.
O programa de actos tivo que recortarse eliminándose as sesións de última hora da tarde e decidiron priorizar as intervencións de conferenciantes do ámbito de Galicia, co obxectivo de evitar problemas nos desprazamentos. Os relatores matinais intervirán en liña e o público poderá velos no Principal ou tamén en liña mentres que os da tarde acudirán ao Teatro Principal e o público contará coas dúas opcións para seguir as súas conferencias.
Cendón aclarou que no caso de que a situación sanitaria se complique durante primeiros do mes de abril está prevista a posibilidade de celebrar todos os actos do programa da Semana Galega de Filosofía a través de sistemas telemáticos.
O profesor de economía da Universidade de Vigo Albino Prada será o encargado de abrir a edición deste ano cunha charla sobre o mundo dixital e a súa relación co capitalismo e o neoliberalismo. Durante as primeiras intervencións tamén se tratará a relación entre os medios dixitais, co uso de elementos como o litio, e o medio ambiente ou o consumo enerxético.
Este venres, a Aula Castelao ofrecerá máis detalles sobre os participantes e o programa completo deste evento.
Relacionadas:
-
Cando a civilización dixital dificulta distinguir entre realidade e virtualidade
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
A Semana Galega de Filosofía reflexionará sobre a perda de identidade na sociedade dixital
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
A Aula Castelao programa para abril a Semana Galega da Filosofía, rescatando a temática de Filosofía e Civilización Dixital
Por Andrea Sánchez Barreno |