A esposa do acusado de violar unha anciá en Bueu dálle coartada mentres que as probas de ADN o incriminan
Por Oskar Viéitez
A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra celebrou este mércores a segunda sesión do xuízo contra J.L.G.M. un veciño de Marín acusado de agresión sexual, lesións e roubo a unha anciá en Bueu e ao que a súa esposa deu coartada ao asegurar que o seu marido estaba a durmir con ela en casa na noite na que se produciron os feitos.
"Sigo sin entender cómo se pudo llegar a esto", dixo a muller do acusado mentres se desculpaba por estar moi nerviosa. Referíndose ao carácter do seu marido dixo que el é "extrovertido, no le gusta discutir y no es violento, todo lo contrario".
A esposa do acusado afirmou que non é posible que este se levantase de noite da cama sen que ela se desese conta porque "tengo el sueño muy ligero" xustificou. "Estuvo conmigo", insistiu diante das preguntas da Fiscalía.
Os axentes da Garda Civil explicaron que a detención deste home produciuse no marco dunha investigación polo ataque sexual de polo menos tres mulleres na comarca do Morrazo. En todos eles o "modus operandi" era "especialmente vejatorio y violento".
O primeiro dos casos tivo lugar no mes de xullo de 2016 en Bueu cando un individuo entrou á forza no domicilio da vítima mentres esta durmía, o segundo ataque tivo lugar en Cangas no mes de setembro do mesmo ano nun bar cando unha empregada atopábase a piques de pechar e o último dos casos é o que se está xulgando cando un home, supostamente o acusado, violou a unha muller de 75 anos tras acceder de madrugada ao seu domicilio.
O Grupo de Delitos contra as Persoas da Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Garda Civil de Pontevedra, realizou decenas de entrevistas persoais e valorou os perfís criminolóxicos dos sospeitosos que xurdiron durante o proceso. Nesa operación, bautizada como 'Geronta' tamén se analizaron os perfís xenéticos que permitiron a identificación de J.L.G.M. como o presunto autor tras descartar a outros sospeitosos como o seu pai, o seu irmán ou o seu primo.
Dous das vítimas foran nas pasado noivas do irmán do acusado e no caso que se está xulgando o acusado coñecía á vítima coa que tiña un "trato de confianza" porque traballara como albanel "moitas veces" na súa vivenda para facer reformas, tal e como declarou un dos seus compañeiros de traballo diante do tribunal.
Tamén se analizaron os terminais telefónicos do acusado, un dos cales lle xeolocaliza no lugar e á hora na que se produciu o ataque á septuaxenaria de Bueu.
O acusado estaba empregado naquela época nunha depuradora de moluscos cuxo xerente explicou diante da sala este martes que na madrugada dese venres cando ocorreu a agresión sexual en Bueu, J.L.G.M. "esa noite non traballou" xa que, segundo engadiu "o venres pola noite é o único día que non traballamos". Unha circunstancia que os gardas civís sinalaron que tamén se deu nos outros dous ataques que non están a ser xulgados nesta vista.
De novo os problemas técnicos impediron as conexións por videoconferencia do resto da parte pericial polo que mañá xoves retomarase o xuízo. Será entón cando declare o acusado atendendo á petición do seu letrado para que prestase testemuño en último lugar.
A Fiscalía pide que este home sexa condenado a 21 anos de prisión.
Relacionadas:
-
Condenan a 20 anos de cárcere o home de Marín que violou unha septuaxenaria en Bueu
Por Oskar Viéitez |
-
Fiscalía ratifica a súa petición de condena para o acusado de violar unha anciá en Bueu
Por Oskar Viéitez |
-
O acusado de violar unha muller en Bueu asegura que "esa noite estiven en Marín na miña casa"
Por Oskar Viéitez |
-
Nega ter agredido sexualmente a unha septuaxenaria na súa casa de Bueu
Por Oskar Viéitez |
-
Suspenden o xuízo contra o acusado de violar a unha muller de 75 anos por un posible caso de covid
Por Oskar Viéitez |