30.000 euros de investimento nos xulgados de Cambados para a creación dunha sala dixitalizada
A Xunta de Galicia habilitará unha sala completamente dixitalizada nos xulgados de Cambados, unha actuación que se prevé levar a cabo no vindeiro mes de abril con un investimento de 30.000 euros que se suman aos 140.000 euros xa destinados á mellora enerxética do edificio, segundo o goberno local.
Ao levar un sistema de videoconferencia integrado, a nova sala permitirá liberar un dos tres aparellos actuais, de xeito que Cambados disporá de catro equipos de videoconferencia.
O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, visitou o inmoble e comprobou as obras realizadas nas instalacións enerxéticas, uns traballos que facilitaron que a cualificación enerxética do edificio pasara de C a B e que o consumo de enerxía primaria non renovable se reducira nun 44%, mentres que o das emisións de CO2 baixaran nun 41%.
Segundo a Xunta, as obras consistiron na instalación de novas xanelas con rotura de ponte térmica e de novos vidros con maior capacidade de illamento. Mellorouse, ademais, o acceso ao edificio mediante a instalación de tres portas automáticas para evitar as correntes de aire. A maiores, procedeuse á substitución dos tubos fluorescentes por novo alumeado con tecnoloxía led dotado dun sistema que permite adaptar a iluminación ás necesidades reais.
A nova sala dixital contará con cámaras de alta definición robotizadas e con zooms para axustar os planos, un posto de control para o seguimento das sesións e a gravación das vistas, unha pantalla para visualizar os contidos e outras melloras que inclúen a incorporación dun sistema de videoconferencia integrada que se proxecta sobre unha pantalla e que permite realizar gravacións xunto cos rexistros de son e vídeo.
Segundo o Concello de Cambados, o sistema complétase coa gravación de vistas con sinatura dixital eFidelius, que faculta a incorporación das gravacións dos xuízos ao expediente xudicial electrónico, e a aplicación Séneca JC, que permite ao persoal xudicial o control dos equipos.