O Concello de Poio proxecta habilitar hortas urbanas na Caeira
Por Redacción
O Concello de Poio estuda dotar á parroquia de San Salvador de terreos específicos para acoller hortas urbanas. O responsable do departamento de Medio Ambiente, Xosé Luís Martínez, mantivo hai uns días un encontro con un grupo de residentes no núcleo da Caeira para falar deste tema.
O concelleiro do Goberno municipal sinala que o impulso desta actuación daría resposta a unha demanda veciñal, xa que son varias as persoas que na actualidade fan uso dunha pequena parcela situada na Caeira para cultivar.
Martínez lembrou que a Administración local conta con varios terreos que poderían acoller este tipo de espazos, polo que "estamos estudando emprazamentos e a forma de levalos a cabo".
Neste sentido, o edil de Medio Ambiente indicou que a intención do Concello é solicitar fondos europeos Feder, que se obterían a través do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Pontevedra – O Morrazo, para poder facer realidade este proxecto.
A actuación consistiría en preparar os terreos, dotándoos de auga e os pertinentes peches perimetrais e accesos en boas condicións. Ademais, tamén sería preciso impulsar un documento que regule a utilización destas hortas urbanas, especificando condicións de usos ou o tipo de cultivos que se poderían realizar. Ademais, Xosé Luís Martínez adianta que se establecerían quendas rotatorias, de xeito que "cada solicitante podería facer uso dos terreos durante un tempo determinado".
O concelleiro nacionalista agradeceu a implicación e o interese amosado pola veciñanza para impulsar estas hortas urbanas e lembra que son moitos os beneficios que se poden obter a través destes espazos.
Cada vez son máis os veciños de San Salvador que fan uso de Centro de Compostaxe Comunitario (CCC) situado nas inmediacións de Ferreirós, a través do cal se obtén compost, cuxo uso pon o Concello a disposición das persoas que así o soliciten para utilizar en cultivos ou coidado de plantas.
"O feito de que cada vez sexan máis as persoas que amosen o seu interese por estas hortas e pola compostaxe amosa a concienciación da cidadanía co medio ambiente", conclúe Xosé Luís Martínez.