Vilagarcía copia o 'Metrominuto' de Pontevedra e o BNG recórdalle a Fole que "non é un cortapega"
Por Redacción
O Metrominuto de Pontevedra, o plano no que detallan as distancias entre os diferentes barrios da cidade como forma de fomentar os desprazamentos a pé, acaba de cumprir dous anos. Nos últimos meses recibiu varios premios, o recoñecemento de expertos internacionais e foi 'copiado' por outras cidades que se inspiraron nel para iniciativas similares. A última, Vilagarcía de Arousa.
O goberno de Tomás Fole anunciou que está ultimando o plan peatonal da capital arousana que, a imaxe e semellanza do Metrominuto, recollerá as medicións realizadas pola Policía Local sobre o tempo de desprazamento a pé entre as principais zonas da cidade. En todo caso, antes de publicar este mapa, o Concello quere contar con achegas de colectivos e asociacións veciñais.
Unha das primeiras formacións que verbalizou a súa opinión sobre estes plans do goberno do PP foi o BNG, impulsor en Pontevedra desta iniciativa. Aseguran que "non é máis que un intento de engano a cidadanía de Vilagarcía", ao recordar que en materia de mobilidade, o executivo de Fole suprimiu o servizo de aluguer de bicis, non avanzou na humanización de novas zonas ou se rexistran numerosos problemas coa zona azul.
"Non se pode entender que pretenda agora aplicar un MetroMinuto sen ter resolto todo este panorama", aseguran os nacionalistas nun comunicado. Recordan que o Metrominuto "sen aparcamentos disuasorios, sen unha aposta clara pola bicicletas... por mala sorte non vale para moito" e pregúntanlle ao goberno municipal "onde quedou ou compromiso de obter 1.000 prazas de nova creación de aparcamento públicos na cidade".
A solución á mobilidade vén, segundo o BNG, "polo camiño de dar a primacía absoluta a mobilidade peonil", todo o contrario, din, ao que fixo o goberno municipal. Por iso insiste en que os cidadáns de Vilagarcía "non se merecen un goberno tan incapaz" e reclámanlle ao PP "que non pretenda enganar a cidadanía cun cortapega e si realmente gusta da filosofía urbanística do BNG empece por aplicar e por orden as súas distintas fases ou o que é máis lóxico dimita".