O Goberno provincial favorece a contratación de 757 persoas e aproba axudas para actividades turísticas
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra leva xa destinados case oito millóns de euros á contratación de 757 persoas da provincia ao abeiro do Plan Concellos 2021. Coa última achega aprobada este venres na Xunta de Goberno para Agolada, xa son 49 concellos os que completaron a Liña 3 de Emprego do plan provincial coa que os municipios poden financiar a contratación de persoal.
Doutra banda, a Xunta de Goberno da Deputación vén de aprobar novos convenios de colaboración para a dotación do Servizo de Administración Electrónica, no marco do novo contrato 2021, con outras oito entidades locais da provincia, en concreto cos concellos de Caldas de Reis, A Illa de Arousa, Cerdedo-Cotobade, A Lama, Pazos de Borbén, Ponte Caldelas, Meaño e a Entidade Local Menor de Camposancos.
A institución provincial aprobou recentemente o contrato para a prestación deste servizo para os concellos de menos de 50.000 habitantes, cun investimento de 578.500 euros. Cos acordos coas 8 entidades ás que se acaba de dar luz verde, a Deputación suma xa un total de trinta aprobados no que vai de ano.
TURISMO
Ademáis a Xunta de Goberno da Deputación aprobou este venres unha liña de axudas por 130.000 euros dirixidas a entidades para impulsar actividades turísticas na provincia. Como novidade, as achegas discriminarán positivamente as iniciativas que contribúan á dinamización económica dos sectores máis afectados polas restricións derivadas da covid-19.
Neste eido, xa foron aprobadas en menos dun mes bases por valor de 330.000 euros para impulsar o sector turístico da provincia.
A Deputación este ano incrementa a contía máxima das achegas que chegará ata os 5.500 euros por entidade, 500 máis que o establecido o pasado ano. A través destas axudas búscase colaborar no fomento do turismo e na profesionalización do sector.