O BNG pide á Xunta de Galicia que se condene a "campaña violenta de ENCE"
Dende o BNG esixen a Feijóo, á Xunta de Galicia e a directiva de ENCE que se condene a campaña violenta contra as decisións dos gobernos democráticos e de políticas legais. O BNG quere que o Executivo galego lidere o proceso da saída de Ence da ría de Pontevedra.
O deputado do BNG, Luís Bará cualificou, na rolda de prensa deste venres, de "moi graves" os feitos violentos producidos este xoves no Concello de Pontevedra con "intimidación, acoso e agresións verbais e físicas" ao alcalde da cidade de Pontevedra e membros do goberno municipal. Para o nacionalista, a directiva de ENCE e o Partido popular deben condenar rotundamente estes actos violentos protagonizados, segundo o deputado, por un grupo minoritario de traballadores da empresa xa que a maioría, representada polo comité de empresa, manteñen unha posición diferente e razoable.
Bará tamén enviou unha mensaxe ao presidente da Xunta instandoo a dar instrucións á empresa ENCE para que cese a escalada de violencia. Por outra parte, o deputado do BNG pediu ao PP e á Xunta que abandonen a radicalización, as barricadas e a "ENCE-Borroka". Para o deputado, o Partido Popular non pode estar nas barricadas senon que debe facer propostas para o futuro da ría, da produtividade industrial e da comarca de Pontevedra.
O deputado do BNG, recalcou ante os medios de comunicación, que a saída de ENCE da ría de Pontevedra vai xerar múltiples beneficios sociais, ambientais e económicos. Segundo él xeraranse moitos postos de traballo cunha ría moito máis productiva, repuperando o terreo sobre o que se atopa e ademais, dando uso funcional, produtivo e diverso do monte galego. Tamén remarcou que se poderá aumentar o emprego cunha nova instalación industrial con todas as tecnoloxías máis avanzadas.