Instalan dous cargadores para móbiles na humanizada Avenida da Coruña e na contorna de Pasarón
Por Manu Otero
A humanización da Avenida da Coruña non serviu só para cambiar a imaxe da arteria principal do pontevedrés barrio do Burgo, serviu para situala como a rúa máis vangardista de Pontevedra no ámbito tecnolóxico. Na contorna de Pasarón, nunha zona de estancia para peóns, o Concello e a empresa local Edigal instalaron dúas estacións de carga para móbiles gratuitas.
"É un produto útil, ademais de bonito. Sempre tentamos dotar de tecnoloxía a todos os nosos produtos", detalla Begoña Ferrín, comercial da firma, a filosofía dunha empresa situada no polígono do Campiño e que se dedica ao deseño e fabricación de mobiliario urbano. Outro dos seus acenos de identidade é a aposta por materiais reciclados e reciclables. "Usamos moitos metais procedentes de barcos", revela Ferrín a orixe destes cargadores rueiros que, ademais, funcionan con enerxía solar.
Nilo é o nome que reciben estes cargadores, pero non son os únicos que fabrican. Pronto instalarán en Benito Corbal uns bancos con enchufes para móbiles integrados e estudan a posibilidade de implantar puntos wifi nos semáforos da vía pública ou en caixas de contadores, dotando ademais a estes elementos do coidado deseño que locen todos os seus produtos.
Son conscientes en Edigal de que moitos usuarios son reticentes a utilizar este tipo de estacións de carga. Por iso queren transmitir unha mensaxe de tranquilidade. Ademais de ser gratuítos, o seu funcionamento é o mesmo que un cargador doméstico polo que o terminal non sufrirá ningún tipo de dano. Para utilizalos, o usuario só necesita conectar o seu cable USB á estación e sentar un intre ata que o seu móbil recupere a enerxía.
Con presenza noutras cidades como Vigo, Edigal márcase como obxectivo "ser profetas na nosa terra", polo que esperan que o goberno local siga confiando como ata o de agora no seu bo facer para construír entre ambos unha Smart Boa Vila.
Relacionadas:
-
A glorieta de Compostela acollerá o primeiro cargador para móbiles alimentado a través dunha picoturbina
Por Redacción |
-
A Rúa da Santiña será reformada combinando o modelo de cidade co rural dando continuidade ao Camiño de Santiago
Por Redacción |
-
As reformas da Santiña e da Rúa da Torre, próximas actuacións no Burgo
Por Alejandro Espiño |
-
Pechan a Avenida da Coruña ao tráfico para avanzar na súa reordenación
Por Redacción |